. Como chegamos a isto, pregúntovos eu. Unha empresa de biofibras ecolóxicas, vende a súa factoría en Palas de Rei, como unha factoría que non vai causar ningún tipo de desastre ecolóxico. O relatorio da dereita dos escribidores, son o altofalante de Rueda, con artigos en redes ou en medios de comunicación, sen achegar o motivo porque é bo para Galicia Altri. Todos os aduladores co mesmo denominador común, falando da revolución industrial. É de coña mariñeira, corenta anos gobernando o PP con maiorías absolutas e aínda despertan agora para facer a revolución industrial, unha revolución preñada de intereses, que prexudicará a futuras xeracións.
Os de Altri quixeron dar unhas conferencias informativas nos pobos e concellos limítrofes a esa Finca de Quintas, sita en Palas de Rei, cerca do río Ulla, onde pretenden beber demasiada auga para tan pouco río. O asunto complicouse, porque asistiron a esas charlas de Greenfiber algúns xeólogos locais, ecoloxistas e veciños e veciñas que xa leran a letra pequena onde poñía pasteira e celulosa, e empezaron a tocar unha muiñeira. E qué pasou logo? Pois os entraxados da empresa portuguesa pensaron que eses aturuxos eran berros de guerra e fuxiron escopeteados ó entender que, o son do bombo era algunha danza de guerra tribal.
Despois duns días de repouso polo susto recibido, decidiron lanzar mensaxes en fermosos vídeos promocionais por internet, acompañados por artigos de escrebedores vendedores de fume, co mesmo denominador común, xente da dereita que, a pesar dos zascas, seguen adiante co deseño desa campaña con árbores autóctonas e mensaxes ecolóxicas vendendo a moto baixo o lema : «Impacto positivo», que soa moi chusco. E chegou o rompexeos de Greenpeace Internacional , o «Arctic Sunrise» que decide vir a rescatar os mariñeiros e mariscadores da Ría de Arousa, por entender que, toda esa materia de cores chamativas polo río abaixo, pode poñer en risco de morte a xa malograda supervivencia da ría máis importante de Galicia, a de Arousa, tendo en conta, que existen outros proxectos mineiros similares contaminando, este río e tamén as riadas e períodos de seca, polo cambio climático, xa dañan os bancos pesqueiros e marisqueiros, sen axuda de ningunha empresa xigante Macro- Celulósica. Por este motivo, refírome as razóns da visita deste barco rompexeos xuntáronse tódolos barcos pesqueiros de Arousa, e algunha gamela, alguén contou 334 barcos, o número da o mesmo, a xente da beiramar falou nesa manifestación que se define na foto adxunta. E ainda con estas mobilizacións masivas, tamén en torno a fábrica de ENCE, en Pontevedra, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda Valenzuela, saca da manga unha nova sorpresa, concedéndolle a estes proxectos contaminantes o premio de «Proxectos Estratéxicos», a gota que colmou o vaso. Dende tódalas partes desta segunda Galia apareceron manifestantes na xornada deste domingo, rodeando o edificio de San Caetano, onde se atopa a sede administrativa da Xunta, mais desta volta, os medios amigos tiveron que noticiar a grande invasión de Compostela, para non quedar fatal coa opinión pública, pero destacaron na portada menudeos locais para non ferir sensibilidades.
Seguiremos moi de preto os seguintes avances da traxicomedia de Altri, querendo plantar eucaliptos e fábricas xigantes na Comarca da Ulloa, e as manifestacións desde esas irredutibles aldeas, que parecen resistirse o avance do novo César emperador do»Imperio Ruediano». Veremos se no minuto final gaña a cordura e vencen os bos por unha vez na historia