Galicia acada unha cifra de desemprego inferior ás 118.000 persoas por primeira vez

por Redacción Galicia

A baixada do paro nun -8,59% no último ano sitúa a Galicia como a primeira comunidade autónoma na que más descende o desemprego en termos relativos

O mercado laboral galego continúa cunha evolución favorable pechando xuño con datos históricos un mes máis. É a primeira vez desde que hai rexistros (1996) que o paro sitúase por debaixo das 118.000 persoas, en concreto, rexistráronse 117.938 persoas en situación de desemprego, a cifra máis baixa desde hai 28 anos. Así o afirmou hoxe o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, na valoración dos datos que fixo na apertura do polo de emprendemento de Sarria.  

González salientou, ademais, que Galicia lidera a caída do paro na evolución anual (-8,59%) en termos relativos e é a segunda comunidade na que máis baixa o paro, tamén en valores porcentuais (-3,36%), con respecto a hai un mes.

O paro caeu na evolución anual e mensual, nas catro provincias galegas, en todos os sectores de actividade e tamén nos colectivos prioritarios nas políticas activas de emprego da Xunta como son, entre outros, as mulleres ou os menores de 30 anos.

Na comparativa anual, por sectores, liderou a baixada o primario (-12,78%) seguido da industria (-12,37%), da construción (-12,13%) e dos servizos (-7,89%). En canto aos colectivos prioritarios, diminuíu o paro nas mulleres (-9,19%), entre os menores de 30 anos (-8,20%) e nos parados de longa duración (-5,59%). Ademais, as cifras de desempregados xuvenís e de mulleres neste mes acadan ser as menores de toda a serie histórica (2005). Con respecto a xuño de 2023, ademais, o desemprego descendeu tamén nas sete grandes cidades.

Evolución mensual e afiliacións

Con respecto á evolución mensual, o paro tamén baixa en Galicia con respecto a maio, nun -3,36%, o que supón 4.098 persoas menos en situación de desemprego. O descenso é case o dobre que o rexistrado no Estado. O paro caeu tamén en todos os sectores liderando o diminución o primario (-3,80%) seguido dos servizos (-3,50%). Baixou tamén entre as mulleres e os menores de 30 anos.

José González tamén valorou os datos de afiliacións á Seguridade Social que suman en Galicia 1.084.871, a cifra máis alta nun mes de xuño desde 2005. Resaltou, ademais, que o emprego crece máis en Galicia que na media do Estado con respecto a maio, xa que o incremento nas afiliacións é maior na comunidade galega que na media estatal.

O conselleiro, tras poñer en valor que Galicia leva cinco meses consecutivos de caídas do paro, acadando, ademais, cifras históricas cada mes, explicou que o Goberno galego seguirá deseñando políticas de emprego que demostran ser eficaces para continuar xerando emprego de calidade en Galicia, tanto por conta propia como por conta allea.

Referiuse á modernización do Servizo Público de Emprego con medidas, entre outras, como a ferramenta baseada en Intelixencia Artificial, Emi, para casar oferta e demanda que é pioneira no Estado; e “aos bos resultados” do programa de seguimento intensivo da demanda de emprego que está a permitir afinar que nas listas do paro estean as persoas que demandan emprego dun xeito activo. “O noso obxectivo é que as persoas que buscan activamente un emprego poidan conseguilo canto antes, ter ese posto de traballo, e cubrir tamén esa falta de man de obra que nos trasladan as empresas”, indicou.

José González, ademais, indicou que a Xunta segue a despregar a Rede de polos de emprendemento que hoxe mesmo sumou un novo laboratorio, o de Sarria, o que supón a oficina número 14, coa previsión de ampliarse ata 15 nas vindeiras semanas co polo de Vilanova de Arousa. Por último, mostrouse preocupado polo absentismo laboral e incidiu en que un dos retos principais do Goberno galego é garantir a produtividade do tecido empresarial, que se adoptará sempre desde o consenso, rematou.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario