Esta moción vai respaldada por máis de 200 sinaturas recollidas nas parroquias de influencia deste consultorio
O Bloque Nacionalista Galego en Castro de Rei presenta unha moción para tratar no vindeiro pleno onde insta á Xunta de Galiza á reapertura do consultorio de Castro de Rei.
Esta moción vai acompañada por máis de 200 sinaturas recollidas nas parroquias afectadas, sinaturas recollidas en dúas semanas, onde tivemos o apoio total da veciñanza.
Tanto na moción como na folla de sinaturas instamos á Xunta de Galiza á reapertura do consultorio de Castro de Rei así como o compromiso de mantemento asistencial completo tanto no verán como no resto do ano. «A Xunta de Galiza ten a competencia en materia de sanidade e leva anos desmantelándonos os centros de saúde do concello de Castro de Rei coa complicidade do Sr. Alcalde de Castro de Rei, Francisco Balado» explica Olga García.
Neste senso, a concelleira subliñou «é intolerábel que as veciñas e veciños deste concello non contemos con servizos sanitarios dignos, e sobre todo as doentes deste centro médico de Castro de Rei que vemos como nos pechan o consultorio dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro» e incidiu «o peche deste consultorio é unha decisión política, decisión da cal o goberno municipal é cómplice» pois non se esta tendo en conta que a veciñanza de Castro de Rei ten que desprazarse ata o centro de Castro de Ribeiras de Lea o cal tamén esta con servizos baixo mínimos»