O BNG urxe a rectificar a decisión do ISM após denegar as solicitudes das mariscadoras a pé para a prestación económica

por Redacción Galicia

Carme da Silva pide ao Goberno ter en conta a situación de total desprotección e exclusión das traballadoras ante os paróns da actividade que se están a producir

A senadora do BNG vén de rexistrar iniciativas na cámara alta despois de coñecer que o ISM denegou a prestación económica estabelecida para os paróns de actividades ás mulleres mariscadoras con permiso de marisqueo a pé. Carme da Silva exixe a rectificación por parte do Goberno e conceder esta prestación ante a situación total de desprotección e exclusión. Así mesmo, demanda estabelecer canles directas de comunicación e diálogo co colectivo de mariscadoras galegas para dar solución a este e outros problemas polos que atravesa o sector.

As mariscadoras a pé están a denunciar a situación de desprotección en que se atopan moitas traballadoras con permiso para este tipo de marisqueo. Unha situación que se agrava despois de coñecer a denegación, por parte do ISM, da prestación económica estabelecida durante o cesamento da actividade derivado da alta mortaldade de moluscos nas praias.

Os fortes temporais que se foron producindo desde outubro e durante todo o inverno están a provocar unha grave redución de produtividade no conxunto das rías galegas. As confrarías, lembra a senadora do BNG, levan meses reclamando axudas para paliar a brutal caída de ingresos pola falta de actividade e medidas de rexeneración das rías. De facto, o sector tivo que parar desde xaneiro e mesmo prevén que até outubro non se poida mariscar.

“Preocúpanos a denegación por parte do ISM da prestación económica mensual estabelecida para as persoas que están afiliadas ao Réxime do Mar a algunhas mariscadoras que están nunha situación de precariedade” salienta Carme da Silva. Esta situación é debida a que obtiveron o permiso de explotación de marisqueo a pé recentemente e non xeraron dereito ao cesamento, ou porque teñen outro traballo moi precario por debaixo dos 500 euros ao mes para compensar a falta de ingresos, ou tamén porque esgotaron a prestación por cesamento debido aos continuos paros derivados da falta de produtividade das rías.

O ISM debe ter en conta, subliña Carme da Silva, estas situacións e non deixar a estas mariscadoras en situación de risco de exclusión social, un sector que por outra parte moi feminizado que debería ser tratado con medidas que atendan á especial situación que padecen e ao risco de precariedade. “Debe rectificar esta decisión e abrir canles directas de comunicación e diálogo co colectivo de mariscadoras galegas para dar solución a este e a outros problemas do sector” reivindica Carme da Silva.

Desenvolver medidas socioeconómicas e de apoio ao sector

A senadora do BNG lembra a aprobación dunha iniciativa do BNG na cámara alta para impulsar axudas ás mariscadoras, frente a inacción da Xunta e do Goberno central, que permitan paliar a situación de crise orixinada polas condicións meteorolóxicas vividas esta tempada. “Aprobouse na Comisión de Pesca do Senado un acordo instando o Goberno a impulsar un plan de saneamento integral das Rías Galegas e a recuperación da súa produtividade e, paralelamente, medidas socioeconómicas como a exención das cotas da Seguridade Social ou o estabelecemento de axudas directas para mariscadores, mariscadoras e todo o sector afectado” recorda.

Esta mesma moción, impulsada polo BNG, tamén foi presentada pola organización nacionalista no Parlamento de Galiza e aprobada por unanimidade na cámara galega. “As administracións, dentro das súas competencias, teñen que actuar con urxencia e con visión de futuro” sinala Carme da Silva. No relacionado co Goberno do Estado, a senadora nacionalista sinala que “pode desenvolver dentro das súas competencias, medidas específicas que contribúan a paliar a grave situación de mariscadores, confrarías, depuradoras, cocedeiros e industria de transformación así como ás comercializadoras”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario