O Grupo Socialista urxe á Xunta a desbloquear a construción da nova Facultade de Farmacia no Campus da USC

por Redacción Galicia

Elena Espinosa alerta de que a actual sede se atopa nun estado “calamitoso”, coas aulas pechadas por risco estrutural e contaminación por hidrocarburos e a docencia dispersa por diferentes centros do campus

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Elena Espinosa, reclamoulle á Xunta que desbloquee “de maneira inmediata” o financiamento necesario para comezar coas obras da Cidade da Saúde, que inclúe os módulos de docencia, despachos e xestión da Facultade de Farmacia. A responsable socialista presentou unha batería de iniciativas parlamentarias diante da “falta de compromiso real en prazos e orzamentos para a nova obra”.

Advertiu que a actual sede da Facultade do Campus Sur da USC está nunha situación de mantemento “inaceptable”, e o bloque das aulas foi pechado en 2016 primeiro por risco estrutural e despois pola contaminación por hidrocarburos do chan sobre o que se asenta. O mesmo pasa con varias áreas do bloque central e o Departamento de Farmacoloxía, tamén pechadas por contaminación.

Desde aquel momento a docencia pasou por diferentes facultades de todo o campus, dende Bioloxía ata Ciencias Políticas, pasando por Psicoloxía, Dereito e Relacións Laborais, ademais da Facultade de Medicina.

Diante desta situación, a USC lanzou no ano 2020 o proxecto de Ciencias da Saúde, que concentraría as facultades de Farmacia e Enfermaría, xunto cun centro de investigación biomédica, no que apuntaba a marzo de 2024 para licitar a obra e comezar a construíla neste verán. Sen embargo, a Xunta veu demorando a decisión “día tras día” malia que a Universidade está disposta a colaborar con recursos propios e o Concello de Santiago coas necesidades urbanísticas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario