Continúa a estratexia de participación cidadá da candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial

por Redacción Galicia

Convócase para os próximos meses unha serie de xuntanzas polo territorio para informar e seguir a recoller inquedanzas e suxestións.

A candidatura Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial continúa a súa andaina, e unha das súas facetas, a da participación cidadá, tamén. Tras un primeiro encontro en Sober en marzo para lanzar a estratexia de participación, promovida pola Xunta de Galicia, convócase unha serie de encontros para darlle continuidade.

As xuntanzas serán entre xullo e setembro para que veciños e veciñas, así como os distintos motores económicos da zona, coñezan ben a situación da candidatura e poidan transmitir os seus comentarios, queixas ou inquedanzas.

Das cinco xuntanzas convocadas, tres son veciñais e dúas sectoriais. Terán lugar nas localidades de Monforte de Lemos, O Saviñao, Chantada, Castro Caldelas e Nogueira de Ramuín.

A primeira delas será o vindeiro xoves 11 de xullo ás 19:00 horas en Monforte de Lemos, no local da Fraternal. Diríxese ao sector vitivinícola, «pola súa importancia neste territorio e porque os viticultores que traballan as muras están xestionando e conservando esta paisaxe cultural,» indica Xosé Gago, responsable de participación da candidatura.

Esta convocatoria conta coa colaboración do Consello Regulador, como aglutinante de gran parte do sector, mais a xuntanza é aberta a calquera viticultor ou adega aínda que non pertenzan ao Consello. A porta estará igualmente aberta á veciñanza que se queira achegar.

A segunda xuntanza, fixada para o venres 12 de xullo, será no Saviñao ás 20:00 horas e pretende xuntar aos empresarios do territorio. Esta xuntanza convócase coa colaboración da Asociación de Empresarios da Ribeira Sacra, mais como no anterior, pode asistir calquera empresario ou empresaria aínda que non estea asociado. Interesa especialmente a asistencia do sector hostaleiro e turístico.

As seguintes xuntanzas serán veciñais. Neste caso interesa coñecer as inquedanzas da cidadanía, mais tamén detectar a responsables de asociacións veciñais e, en xeral, persoas que representen ás distintas parroquias para seguir aumentando a base de datos de cara á convocatoria do Consello Parroquial que se celebrará en outubro.

As datas das xuntanzas veciñais son o 14 de xullo ás 12:00 horas no Auditorio municipal de Chantada; o 26 de xullo ás 20:00 horas no salón de actos do Castelo en Castro Caldelas; e o 13 de setembro en Nogueira de Ramuín.

Para estar ao tanto das convocatorias e poder seguir o proceso participativo, lanzouse un perfil de Instagram co nome @participa_ribeirasacra, que tamén servirá de vía de contacto adicional ao servizo da veciñanza. A idea é vincular ás persoas que non poidan asistir ás xuntanzas e tratar de involucrar á mocidade. 

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario