Preto de 20 persoas rematan a formación en prevención de riscos laborais e albanelería

por Redacción A Coruña

Esta semana comezou a formación en iniciación á informática e dixitalización aplicada para 20 persoas, de 30 horas de duración.

O curso, homologado pola Fundación Laboral da Construción, é obrigatorio para traballar en empresas de construción.

O alumnado do curso básico de prevención de riscos laborais na construción remata hoxe a formación, impulsada polo Concello da Coruña a través do Centro Municipal de Emprego dos Rosales. En total, 18 alumnos e alumnas cursaron o programa básico, xunto co módulo na especialidade de albanelería.

A formación contou cunha duración de 66 horas para a capacitación do alumnado de cara a desenvolver as funcións de nivel básico de actividade preventiva no sector da construción. O curso, homologado pola Fundación Laboral da Construción, é obrigatorio para as persoas traballadoras en empresas de construción.

Ademais, esta mesma semana comezou unha nova acción formativa en materia dixital, seguindo a liña do Goberno de Inés Rey na aposta por formación vinculada ao sector tecnolóxico. Un total de 20 alumnos e alumnas recibirán 30 horas de formación, en horario de mañá, das 9.30 ás 13.30 horas, de iniciación á informática.

O curso enmárcase na posta en marcha do Centro de Capacitación Dixital no Centro Municipal de Emprego dos Rosales, subvencionado polo Ministerio de Educación e Formación Profesional para a creación dunha rede estatal de centros de capacitación dixital en entidades locais, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea, Next Generation EU.

O Concello da Coruña, a través do Servizo Municipal de Emprego, realizou un total de 32 accións formativas no 2023 nas que participaron 452 alumnos/as. Acadouse un 54% de inserción laboral, xa que máis da metade das persoas obtiveron un posto de traballo.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario