O Concello publicou na web municipal a consulta previa á tramitación da nova ordenanza para o uso racional e sostible das praias da Coruña, co obxectivo de que as persoas poidan participar na definición da nova normativa, recollendo a opinión cidadá e das organizacións máis representativas da cidade.
Na actualidade, e no marco das competencias municipais a respecto das praias, non existe un regulamento que garanta o correcto uso e gozo dos areais do termo municipal. O Goberno de Inés Rey inicia así o procedemento para que A Coruña conte cunha ferramenta para avanzar na concienciación e protección dos areais.
O obxectivo desta nova normativa é determinar as áreas de uso público e zonas de baño da Coruña, regular o uso do litoral de acordo coa súa propia natureza a respecto da paisaxe e valores como recurso natural. Ademais, concretarase na ordenanza un réxime sancionador específico, de igual xeito que noutros concello de Galicia, adaptado á realidade coruñesa e orientado á concienciación cidadá e respecto ao medio ambiente. As persoas ou organizacións que desexen achegar as súas propostas poderán envialas ata o día 15 de xullo, inclusive, a través do correo electrónico concellaria.medioambiente@coruna.gal.
Por outra banda, A Coruña renovou neste ano 2024 a totalidade das bandeiras azuis nos areais, co distintivo de calidade nas praias das Lapas, Orzán, Matadoiro, Riazor e Santo Amaro outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC). A concelleira de Medio Ambiente, Yoya Neira, izou o distintivo na praia de Riazor. Destacou que a nova ordenanza suporá un paso máis para o mantemento dos distintivos, regulando o seu uso e correcta convivencia con actividades, respectando o dereito de todas as persoas ao gozo das praias.