O encontro Emocións do Viño 2024 deu inicio este sábado no Colexio de Fonseca, no corazón de Compostela. A USC convértese en punto de encontro do ámbito vitícola, onde o sector empresarial, investigadores, docentes e o conxunto da sociedade galega reflexionan sobre a importancia do viño a nivel económico, social e cultural para Galicia.
Representantes de diferentes adegas e denominacións de orixe acompañan a investigadores da USC nunhas xornadas que poñen en valor un sector esencial para a economía galega. A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo (EPSE) é o fío condutor desta mostra de potencial grazas á súa implicación na viticultura.
A EPSE, docencia e investigación no sector vitícola
A EPSE é o centro de referencia en Galicia para a docencia e a investigación no ámbito do viño. Neste centro impártense dúas titulacións vencelladas de xeito directo á viticultura como son o Grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria e o Mestrado Universitario en Enxeñaría Agronómica, que conta cunha especialización en Vitivinicultura.
No eido da investigación, o centro lucense conta con dous grupos que centran os seus traballos no eido do viño, o Vitis Research, onde destacan os investigadores Cristina Cabaleiro e Julián García Berrios, e o grupo PROEPLA, na área de Hidráulica e Hidroloxía, que conta co liderado dos investigadores Javier J. Cancela, María Fandiño e Marta Rodríguez.
O compromiso da escola lucense e o seu persoal coa mellora de todas as etapas da produción do viño, así como coa sustentabilidade do sector, vese reflectido no traballo en eidos como a viticultura rexenerativa, o manexo e control de pragas, o estudo de enfermidades e vectores de diferentes patóxenos, o manexo do viñedo e a zonificación espacial dos mesmos, ou a dixitalización dos viñedos para un correcto manexo da auga, que conforman algunhas das liñas nas que o persoal investigador da EPSE está a traballar neste momento.
TasteLab, spin-off USC, conecta aos produtores cos gustos dos consumidores de viño
Unha das spin-off que están a participar en Emocións do Viño é TasteLab, unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela nacida en 2016 que ten como obxectivo conectar aos produtores cos gustos dos consumidores de viño a través do desenvolvemento dun software de análise sensorial, SENSEBSIT, único no mercado internacional.
Maruxa Quiroga é a actual CEO de TasteLab e avanza que encontros como Emocións do Viño contribúe a dinamizar un sector coma o do viño, «estratéxico para Galicia». Quiroga avanzou que están a pechar acordos con axentes da industria vitivinícola como son as denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeiro, Ribeira Sacra, Valdeorras ou Rioja, entre outras, que empregan a solución tecnolóxica de TasteLab, presente xa en 7 países, para verificar os seus controis organolépticos.
«Nun mundo como o actual, no que os gustos do consumidor varían con rapidez e a taxa de fracaso no lanzamento de produtos no ámbito do viño é moi elevada, é necesario que as empresas produtoras teñan a capacidade de adiantarse a eses cambios e adecuar os seus produtos, cuestión á que a nosa solución tecnolóxica, SENSEBSIT, pode contribuír de xeito capital», afirma Maribel Quiroga.