Gómez Besteiro: Alfonso Rueda pecha o primeiro período de sesións do Parlamento «falto de impulso, conformista e indolente»

por Redacción Galicia

O portavoz do Grupo Socialista, José Ramón Gómez Besteiro, lamentou hoxe que ao remate do primeiro período de sesións e preto dos 100 primeiros días de goberno, Rueda amosouse como “un presidente que non traballa, que é incapaz ou as dúas cousas”. O tamén secretario xeral do PSdeG fixo balance da xestión do goberno galego ás portas da parada na actividade parlamentaria do verán.

O líder dos socialistas galegos sinalou que o goberno galego tense demostrado “falto de impulso, conformista e indolente” e que continúa “sen trasladar unha idea de país”, polo que os socialistas galegos continuarán incidindo na defensa e blindaxe dos servizos públicos, presentando iniciativas para garantir o emprego de calidade e reforzar a presenza de Galicia en España e Europa.

Gómez Besteiro fixo balance da acción política dos socialistas galegos na primeira etapa da Lexislatura, na que lle preguntou ao presidente da Xunta sobre as “cuestións centrais” para Galicia. Sinalou que mentres os socialistas se centraron no emprego, a industria, o medio ambiente, sanidade, dependencia, autogoberno, transferencia de competencias e autoestradas, o presidente da Xunta sempre respondeu responsabilizando a Pedro Sánchez.

Acusou ao presidente da Xunta de empregar o comodín do goberno central para agochar a súa propia “ineficiencia e ineficacia na xestión de recursos públicos” mentres asiste indolente a unha Comunidade Autónoma que “continúa cos mesmos problemas estruturais. Galicia medra menos que o resto de España na creación de emprego e a industria continúa perdendo peso no conxunto da actividade económica.

Aludiu tamén ao informe da Asociación de directoras e xerentes de servizos sociais, que sitúa a Galicia “á cola de España” ao mesmo nivel que Madrid e tan só por riba de Murcia e Cantabria. E iso mentres o novo conselleiro de Sanidade amósase “irrespectuoso coa cidadanía”, que fala “entre risas” de pechar centros de saúde e penaliza á atención primaria mentres sinala ao goberno central para agochar que “non asume as súas competencias”.

Lamentou que a única iniciativa lexislativa teña que ver precisamente pola Lei de Recursos Naturais, creada a posteriori da constitución da sociedade que regula -Recursos de Galicia- e co obxectivo de “privatizar os recursos naturais de Galicia”. Criticou tamén a xestión política “vaga, ineficaz e conformista” de Sogama por parte do goberno galego, que “comparte intereses coas iniciativas privadas”, cando o 49 por cento da mesma está nas mans da mesma empresa.

Europa

O europarlamentario galego Nicolás González Casares participou na reunión do Grupo Parlamentario Socialista, onde recibiu o encargo do secretario xeral do PSdeG de poñerse “á disposición” do presidente da Xunta para defender en Europa as cuestións nucleares para Galicia, “xa que eles non teñen representación no territorio a través dun eurodeputado” galego. Explicou que os próximos 5 anos formará parte das comisións de Industria e Pesca do Parlamento Europeo.

Precisamente a pesca será un dos asuntos centrais desta Lexislatura, sinaladamente para reclamar un comisario específico para Pesca, na rexeneración das rías ou na busca de acordos comerciais que defendan os intereses de Galicia, no que lle tendeu a man ao goberno galego “porque sabemos que van ter menos influenza que os socialistas”. Así o dixo de cara á elección do novo presidente do Parlamento europeo, este martes, e a elección da comisaria o vindeiro xoves.

González Casares comezou saudando o resultado das eleccións de onte en Francia, que fixeron un “día feliz para os socialdemócratas europeos”, que demostraron que “fomos quen de parar á extrema dereita”.

Lamentou que o resto de forzas “non compartan esa mesma ledicia”, sinaladamente o PP, lastrado polos seus pactos de goberno con Vox, polo que “non poden estar contentos” mentres a socialdemocracia se consolida como “a saída contra o populismo” tanto en Francia onte como no Reino Unido o pasado xoves.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario