O vicepresidente da Deputación da Coruña reuniuse coa vereadora de turismo, Marta Moura Laranja Pontes, á que lle trasladou os proxectos levados a cabo dende a Deputación
A Cámara de Matosinhos acolleu a visita do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, que se reuniu coa Vereadora de Comercio, Investimento e Incubación de Empresas, Turismo e Internacionalización, Marta Moura Laranja Pontes, para compartir proxectos e experiencias de promoción turística e gastronómica, e ver posibles vías de colaboración entre os dous territorios.
A gastronomía é a principal liña de traballo da área de turismo da Cámara de Matosinhos, coincidente coa da entidade provincial. Neste sentido, Regueira presentou a campaña turística e gastronómica ‘A provincia que sabe’, un “paraugas que nos permite mellorar as oportunidades turísticas no territorio, diversificar produto e apoiar ás iniciativas locais”, explicou. “Esta campaña enmárcase na nosa aposta por un turismo responsable, que poña en valor a autenticidade dos destinos e promova experiencias únicas e menos masificadas”.
Pola súa parte, a vereadora salientou os proxectos levados a cabo dende a Cámara de Matosinhos, fundamentalmente no ámbito da gastronomía. Salientou a calidade dos produtos locais e a notoriedade e bo facer dos chefs e restaurantes. Tamén se referiu ás “novas formas de facer e comunicar gastronomía”, dun xeito sostible, con propósito e tendo en conta a preocupación social cada vez maior polo que comemos.
As estratexias de promoción turística de ambas institucións coinciden, do mesmo xeito que outras liñas de traballo que tamén se trataron na xuntanza, como o turismo industrial, a posta en valor da dieta atlántica e a retención e captación de talento no sector turístico. “A alianza Galiza – Portugal é moi potente, somos complementarios turisticamente e as oportunidades de cooperación transfronteiriza son infinitas”, apuntou Regueira.
Así, Deputación da Coruña e Cámara de Matosinhos, ademais de intercambiar experiencias e analizar retos de futuro, coincidiron na oportunidade “de tender pontes”, identificando vías de cooperación e concretando posibles proxectos conxuntos no eido da promoción gastronómica, entre outros.
Despois da xuntanza na Cámara de Matosinhos, o vicepresidente, acompañado da vereadora e de parte do equipo de goberno, visitou o Mercado Municipal e a Fundación Livraría Lelho.