O Goberno recoñece nunha resposta escrita a unha pregunta do BNG que vulnera os dereitos lingüísticos da cidadanía ao solicitar a tradución de documentos ao español
O Bloque Nacionalista Galego denuncia a vulneración de dereitos lingüísticos perpetrada polo Goberno do Estado e, no concreto, polo Ministerio de Educación por exixir que a documentación presentada sexa tamén entregada con tradución ao castelán. O Ministerio de Educación, sinala o deputado do BNG no Congreso, recoñece que a Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas o dereito da cidadanía a empregar linguas oficiais diferentes do castelán sen necesidade de tradución e, neste sentido, Néstor Rego exixe dar cumprimento á Lei e rectificar esta decisión.
Despois de que a organización nacionalista rexistrase preguntas para resposta escrita por parte do Goberno, o Ministerio de Educación recoñeceu que non está a respectar a lexislación vixente e está a vulnerar os dereitos lingüísticos da cidadanía. «A pesar de que a cidadanía ten dereito a utilizar a lingua da súa elección, a Administración está a exixir a tradución dos documentos oficiais presentados en galego conculcando os dereitos do alumnado e cargando de maior burocracia os trámites administrativos» denuncia o deputado do BNG no Congreso.
A Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas recoñece que no caso de ser elixida unha lingua oficial diferente ao castelán, por parte do cidadán, a Administración deberá aceptar os documentos e testemuñas que se requiran na lingua escollida. De facto, a lei recolle que «A Administración Pública instrutora deberá traducir ao castelán os documentos, expedientes ou partes dos mesmos… Se deberan fornecer efectos no territorio dunha Comunidade Autónoma onde sexa oficial a lingua oficial diferente do castelán escollida, non será precisa a súa tradución».
«O Ministerio de Educación debe rectificar na súa decisión de vulnerar os dereitos lingüísticos da cidadanía que mesmo está a provocar unha maior burocratización dos trámites administrativos. Debe cumprir a lei» afirma Néstor Rego.
Neste sentido, o deputado do BNG anuncia o rexistro de novas iniciativas co obxectivo de que o Goberno do Estado e, no concreto, o Ministerio de Educación recúen e cumpran escrupulosamente a lei e permitir á cidadanía que poida empregar as linguas oficiais para as comunicacións coa Administración sen necesidade de traducir a documentación.