Decenas de persoas pertencentes á Asociación Veciñal de Coruxo, a Asociación Veciñal de San Miguel de Oia, a Plataforma pola Defensa da ría Vigo-Cíes, Amigas da Terra, Ecoloxistas en Acción e Greenpeace manifestáronse hoxe na ponte que une a praia do Vao coa illa de Toralla para reclamar a súa recuperación como espazo público. Durante o percorrido despregaron unha pancarta de vinte metros de longo na balaustrada da ponte, na que se podía ler «Únete á reconquista de Toralla», un convite á cidadanía viguesa para que reclame a illa para a cidade. Seguidamente, activistas ecoloxistas penetraron no interior da illa cunha bandeira de Vigo para simbolizar a Reconquista.
Cunha superficie de algo máis de 10 hectáreas, a illa de Toralla foi obxecto dunha absoluta especulación urbanística dende a década de 1960, en base a intereses empresariais privados. Un claro exemplo da cultura do pelotazo. Nese tempo comezouse a urbanizar a Illa. Fíxose a ponte e ao comezo desta púxose un valo e un vixiante que só permitía o seu paso a propietarios ou persoas autorizadas. A urbanización do illote continuou, destacando o horrible edificio de 21 pisos e 70 metros de altura que se pode ver dende calquera punto da ría. A Lei de Costas 22/1988, do 26 de xullo, establece límites que nunca se cumpriron. Despois viría a modificación coa Lei 2/2013, do 29 de maio, de protección e uso sostible do litoral, que segue sen cumprirse e a Illa de Toralla permanece restrinxida ao paso público.
Unha barreira e un vixiante ao final da ponte impiden hoxe o acceso de vehículos e peóns ao interior da illa de Toralla. A decisión parte dos privilexiados propietarios da trintena de chalets que existen na illa e que non superan os 170 veciños e veciñas e da vista gorda das autoridades. Unha prohibición sen sustento legal. Asemade, as ampliacións realizadas por algúns dos seus habitantes nos seus terreos e propiedades, ocupando parte do bordo litoral, impiden o paso de persoas. Nin sequera se puido levar a cabo a senda peonil de tres metros de ancho ao redor da illa que en 2008 aprobou o Ministerio de Medio Ambiente, daquela dirixido por Elena Espinosa, para proceder á recuperación do dominio público marítimo-terrestre. O proxecto segue gardado nalgún caixón.
«Toralla segue a ser un espazo público usurpado hai décadas para beneficio dunhas poucas persoas privilexiadas que deben ter moi bos contactos políticos para seguir aí tantos anos sen cumprir as leis. Facemos un chamamento aos vigueses e viguesas para que se unan á reconquista de Toralla e ás administracións para que fagan cumprir a lei e devolvan a Vigo a illa» declarou a activista que izou a bandeira de Vigo dentro da illa de Toralla.
A lexislación vixente recolle que calquera persoa pode chegar ata a ribeira do mar a pé. Pero a realidade é que aos visitantes só se lles permite acceder aos areais situados a ambos os dous lados da ponte. A norma contempla restricións ás leiras limítrofes co dominio público marítimo-terrestre para garantir o libre paso dos cidadáns e vehículos de vixilancia e salvamento. Ademais da zona que pertence ao dominio público, a lexislación sinala que o terreo inmediato á ribeira do mar que non é parte de dominio público tamén está afectado por unha serie de servidumes. Establécense obrigas respecto ás servidumes de protección, cuxa función é proporcionar protección á costa e que en xeral recae sobre unha franxa de 100 metros medida terra dentro desde o límite interior da ribeira do mar. Unha extensión que pode ser ampliada en determinados casos ata os 200 metros e redúcese a 20 metros nos terreos xa clasificados como urbanos. Coa modificación realizada en 2013 da lei, a servidume de protección pasa a ser de maneira xeral de 20 metros.
Despois está a servidume de tránsito. O seu obxectivo é permitir a libre circulación dos cidadáns ao longo da costa. Recae sobre unha franxa de 6 metros, medidos terra dentro a partir do límite interior da ribeira do mar, aínda que en lugares de tránsito difícil ou perigoso dita anchura poderá ampliarse no que resulte necesario, ata un máximo de 20 metros. A lei sinala claramente que esta zona deberá deixarse permanentemente expedita para o paso público peonil e para os vehículos de vixilancia e salvamento, salvo en espazos especialmente protexidos.
A servidume de tránsito non se cumpre na Illa de Toralla. Tampouco a servidume de acceso ao mar que se establece en varios puntos ao longo da costa para garantir o acceso público e de balde ao mar. O seu tamaño debe garantir a súa función, e non se permite interromper o acceso ao mar se non exiiste un acceso alternativo coa mesma eficacia.
«Pedimos ao goberno da cidade que emprenda accións legais para recuperar Toralla e tamén solicitamos á Xunta de Galicia que nos aclare se a nova Lei 4/2023 de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia vai ser útil para isto ou só para contruír hoteis privados na costa e eternizar certas ocupacións do dominio público marítimo-terrestre«, indicaron dende as organizacións convocantes.
As organizacións convocantes lembran que existen varios pronunciamentos por parte da Xustiza sobre o peche da Illa de Toralla. En outubro de 1997, o Tribunal Supremo rexeitaba o recurso presentado polos residentes particulares da illa que pedían a exclusividade do uso e goce da ponte e as súas praias. Entón quedou claro que a ponte era para uso público de todo o mundo. A sentenza deixaba claro que en base á Lei de Costas os propietarios deberían ceder para dominio público seis metros de terreo a partir da máxima pleamar rexistrada. En definitiva, estamos ante un longo problema de incumprimento legal en relación a dominio público marítimo-terrestre ao que debe poñérselle fin. É un espazo público pero que na práctica utilízase como reserva privada de forma ilegal.