O Atlantic Pride chega este domingo, 14 de xullo, ao fin da súa 5ª edición cun divertido revival do pop español máis celebrado dos anos 2000. Deste xeito, durante a súa xornada de clausura, o festival viaxará do flamenco con toques de europop de Las Ketchup ao pop dance de Rosa López ou o pop, o folk e os ritmos latinos de Lucía Pérez. Pola súa banda, Raúl, gañador do Premio Latino de Oro á súa traxectoria musical, ofrecerá na Coruña un directo no que non faltarán os seus grandes éxitos Sueño s boca, Baila ou Prohibida.
Contra ás 20.30h, o Coro ‘Cores’ abrirá as sesións musicais da noite, mentres que Iván Flashback será o dj encargado da pinchada de clausura desta 5ª edición do ‘Orgullo do Norte’ coruñés, de 23.15 a 00.20 horas.
Este domingo terá tamén lugar a entrega de premios do III Certame de Literatura LGTBI+ do Atlantic Pride, na que se darán a coñecer os nomes das persoas gañadoras neste 2024. Este ano, a iniciativa -un concurso literario de relato curto sobre diversidade, que o festival organiza en colaboración coa Rede de Bibliotecas Municipais da Coruña, a través do club de lectura QUEERuña- rexistrou o seu récord de participación desde a súa primeira convocatoria no 2022.
PROGRAMA ATLANTIC PRIDE 2024
Domingo, 14 de xullo
Xardíns de Méndez Núñez
(20.30 a 00.20h)
20.30h Coro ‘Cores’
21.00h Entrega de premios ‘III Certame de Literatura LGTBI+ Atlantic Pride’
21.30h Lucía Pérez
22.00h Las Ketchup
22.30h Raúl
23.00h Rosa López
23.15h DJ Flashback
LUCÍA PÉREZ
Lucía Pérez é unha recoñecida artista española que gañou popularidade a nivel nacional e internacional despois de representar a España no Festival de Eurovisión en 2011, interpretando a exitosa canción Que me quiten o bailao. A súa participación neste prestixioso evento permitiulle gañarse o agarimo do público e posicionarse como unha destacada figura na industria musical. Orixinaria de Galicia, Lucía Pérez logrou consolidarse como unha artista versátil e talentosa, levando a cabo numerosos concertos en diferentes escenarios e cativando á súa audiencia coa súa voz enérxica e a súa magnética presenza no escenario. A súa música destacouse por fusionar diversos xéneros, incluíndo pop, folk e ritmos latinos, creando un estilo propio que a distingue.
Fóra da súa carreira musical, Lucía Pérez tamén ha incursionado no ámbito televisivo, participando en programas de televisión e converténdose nunha das caras máis visibles da Televisión de Galicia. Recentemente, Lucía Pérez estivo en Miami, onde estivo gravando distintas cancións que se sumarán ao proxecto de A saída no seu próximo álbum. Esta experiencia permitiulle explorar novos horizontes musicais e enriquecer a súa proposta artística. Cunha traxectoria sólida e unha paixón inesgotable pola música, Lucía Pérez continúa cativando co seu talento e o seu carisma a fans de todo o mundo. A súa incansable dedicación e a súa capacidade para reinventarse convertérona nunha artista referente na escena musical española e nunha das voces máis destacadas de Galicia.
LAS KETCHUP
Las Ketchup é un grupo musical cordobés integrado polas catro irmás Muñoz (inicialmente, Lucía, Lola e Pilar; e, a partir de 2006, tamén Rocío). Fillas do guitarrista Juan Muñoz, coñecido polo seu alcume «El tomate», a súa infancia desenvolveuse nun entorno musical. Como título para o seu primeiro álbum, as irmás elixiron «Hijas del Tomate», como un xogo de palabras en homenaxe ao seu pai. O grupo foi descuberto polo produtor de flamenco Manuel «Queco» Ruiz, da discográfica Shaketown Music, e rexistrou un grandísimo éxito en 2001 coa súa canción Aserejé, un tema de 1999 que fusionaba flamenco e europop. Aserejé converteuse na canción do verán tras acadar o número un nas listas de numerosos países, tanto de Europa como de Latinoamérica e Asia. A canción estaba acompañada dunha singular coreografía e a súa letra recordaba en ao primeiros versos do tema Rapper’s Delight, de Sugarhill Gang. Tal foi o seu éxito mundial que La Ketchup chegaron a vender 7 millóns de sinxelos, posicionándose no posto 103 dos singles máis vendidos da historia da música nivel mundial, según Media Traffic.
Las Ketchup alzáronse con numerosos premios como grupo revelación, entre eles, o Premio Ondas, o Premio Amigo, o Premio Billboard Latino ou o Record Fair MIDEM de Cannes. No ano 2003, lanzan un novo sinxelo, Kusha las payas, ao máis puro estilo racial que as caracterizaba, pero xa sen o éxito do seu afamado Aserejé. En 2006 foron elixidas para representar a España no Festival de Eurovisión co tema Bloody Mary, que rexistrou unha humilde vixesimoprimeira posición no certame. Trala cita eurovisiva, o grupo fai un parón e desaparece da esfera pública, actuando ocasionalmente nalgúns festivais, clubes ou programas de televisión seeccionados, como o Melodiefestivalen ou o Festival Pa’l Norte de Monterrey (México). No ano 2019, Las Ketchup regresan aos escenarios, de xira por países como Dinamarca, Portugal, Suiza, Noruega, Rumanía, Francia e España, cun público entregado aos seus directos e ávido por revivir, de novo, o seu ritmo «ragatanga».
RAÚL
Estrela indiscutible dos anos 2000, Raúl conta con seis discos no mercado: Sueño su boca (2000), Haciendo trampas (2001), As de corazones (2003), Ya no es ayer (2005), Una vida (2007) e Contramarea (2011), ademais da gravación da banda sonora da película Spirit, el corcel indomable. Entre os seus galardóns destacan o Premio da Música ao Artista Revelación, o Premio da Prensa de Viña del Mar de Chile, a nominación finalista do Premio Amigo e o Premio Latino de Oro á súa traxectoria musical.
Cun millón oitocentos mil discos vendidos en España e Portugal, os seus álbumes publicáronse, tamén, en México, Porto Rico, Chile, Arxentina, Bolivia, Estados Unidos, Alemaña, Bélxica, Romanía… Raúl conta con máis de 300 concertos realizados, ademais de haber participado nos grandes musicais da nosa televisión. No seu directo no Atlantic Pride este verán non faltarán algúns dos seus grandes éxitos, como Sueño su boca, Baila ou Prohibida.
ROSA LÓPEZ
Rosa López, popularmente coñecida como «Rosa de España», saltou á fama en 2001 coa súa participación na primeira edición do talent show musical Operación Triunfo -do que foi gañadora-. No ano 2002 representou a España no Festival de la Canción de Eurovisión, acadando a sétima posición e unhas cifras de audiencia récord. A súa interpretación foi a máis vista na historia de Eurovisión ata o de entón, congregando a 12,7 millóns de espectadores co tema Europe’s Living a Celebration. Ao longo da súa carreira como cantante e vocalista, Rosa López publicou un total de 8 álbums de estudio (Rosa, Ahora, Ojalá, Me siento viva, Promesas, Propiedad de nadie, Rosa López y Kariós). Ademais, a artista lanzou un EP, 22 sinxelos e un álbum recompilatorio.
Por outro lado, Rosa López compaxinou a súa traxectoria musical co seu paso por televisión en varios programas e concursos. En 2006 proclamouse vencedora da terceira edición do talent show ¡Mira quién baila! Ademais, durante o seu paso pola quinta edición de Tu cara me suena, a artista quedou en segunda posición. Netes máis de 20 anos de carreira, Rosa López recibiu múltiples galardóns, entre eles, o Micrófono de Prata, a Antena de Ouro ou Premio ao Disco do Ano.