Máis de cen estudantes de 39 nacionalidades distintas participan na International Summer School que arranca hoxe na UDC

por Redacción A Coruña

Na edición deste ano, que terá lugar ata o venres 26 de xullo, impartiranse 16 cursos intensivos en inglés, de temáticas variadas como “Escaneo e imaxes láser 3D”, “Psicoloxía Empresarial”, “Turismo Sostible”, “Inmunoloxía e Bioinformática”, “Creación de Chatbots” ou “Comunicación efectiva para o liderado internacional”.

A Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña acolleu hoxe a inauguración dunha nova edición dos cursos da International Summer School (ISS) da UDC; un acto presidido polo reitor da UDC, Ricardo Cao, que estivo acompañado polo vicerreitor de Internacionalización e Titulacións, Moisés Canle, e os adxuntos de Política Internacional e Mobilidade e Convenios, María Bobadilla e Bruno Casal, respectivamente. 

A Escola de Verán da UDC 2024 é unha formación intensiva impartida en inglés para estudantado propio e internacional, na que este ano participan un total de 115 estudantes de 39 nacionalidades distintas.

Neste senso, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, destacou que esta é “unha experiencia enriquecedora que vai máis alá das fronteiras académicas tradicionais e que reflicte o espírito diverso e integrador da actividade da UDC.”

Nesta edición ofrece 16 cursos impartidos por 20 docentes orixinarios de 16 países distintos; cun amplo abano de temáticas, que abarcan desde “Turismo Sostible”, “Psicoloxía Empresarial” ou “Inmunoloxía e Bioinformática”, ata “Escaneo e Imaxes láser 3D”, “Creación de Chatbots” ou “Comunicación efectiva para o liderado internacional”. Ademais, ao alumnado participante que o demande, ofértaselle un curso adicional de español básico de 15 horas.  

A Facultade de Economía e Empresa será, na presente edición, o centro no que terán lugar a maior parte destes cursos; agás 4 deles, que se desenvolverán -en todo ou en parte- na Escola Técnica Superior de Arquitectura (ETSAC) e na Facultade de Ciencias.

20 anos fomentando a internacionalización  

A International Summer School (ISS) foi creada pola UDC no ano 2014 e, desde entón, cada verán ofrece unha ampla selección de cursos intensivos.Todos eles impartidos en inglés por profesorado internacional, abarcando unha extensa gama de disciplinas, que van desde dereito e negocios, ata ciencia e tecnoloxía. Decenas de docentes e centos de estudantes de 70 países diferentes participaron e gozaron xa nestes últimos 20 anos desta enriquecedora experiencia coa que a UDC potencia a internacionalización no ensino.

De feito, ademais do alumnado español, este ano os estudantes matriculadosproceden de Alemaña, Arxentina, Armenia, Austria, Bahrein, Brasil, Colombia, República Checa, Estonia, Finlandia, Xeorxia, Hungría, Italia, Xapón, Kazakhstan, Kenya, Kósovo, Kirguizistán, Malaisia, México, Moldova, Montenegro, Norte de Macedonia, Noruega, Pakistán, Polonia, Reino Unido, República de Corea, Rusia, Ruanda, Serbia, Sudán, Siria, Tunisia, Ucraína, Reino Unido, Estados Unidos e Vietnam.

Cada unha das accións formativas da ISS ten un valor académico de 6 créditos ECTS para o alumnado internacional e están recoñecidas pola UDC e por outras universidades de todo o mundo, de xeito que permiten obter créditos para os seus propios títulos.

Programa social 

Este curso completa a súa oferta cun amplo programa de actividades de tarde para o alumnado, no que cinco alumnos da UDC exercen labores de mentoría, acompañando ao alumnado a distintas actividades. Así entre elas, haberá desde un paseo en barco pola baía da Coruña o unha ruta polo Faro de Mera-Seixo Branco, así como unha visita ás Fragas do Eume, entre outras moitas propostas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario