O PP de Lourenzá esixe á alcaldesa que tamén faga públicos os case 5M€ investidos pola Xunta de 2021 a 2023

por Redacción Lugo

Os concelleiros populares esixen á rexedora que tamén faga público que o único motivo polo que non se concederon as 6 axudas que ela denunciou foi «unicamente porque non se chegou á puntuación mínima esixida» para conseguila, froito da «falta de traballo» do goberno municipal

Tras ver como a alcaldesa de Lourenzá denunciaba nas súas redes sociais que a Xunta de Galicia non concedeu seis axudas (de 40.000€ cada unha) ao municipio nos últimos seis anos (de 2019 a 2024), os concelleiros do PP de Lourenzá esixen á rexedora que tamén faga públicos os 4.890.075,90€ que a Xunta investiu en Lourenzá entre 2021 e 2023.

Os concelleiros populares afirman que a alcaldesa “unicamente se centra no negativo” porque o seu único obxectivo “é confrontar coa Xunta, en lugar de centrarse en traballar para acadar o crecemento de Lourenzá”.

Unha afirmación que os populares apoian en que o único criterio para non conceder estas axudas foi que “o Concello non chegou á puntuación mínima esixida” para ser beneficiarios. De feito, os populares sinalan que “non queremos ser mal pensados” pero todo apunta a que a rexedora presentou as axudas sendo consciente de que non as concederían para “poder criticar ao goberno autonómico”.

Dende o PP de Lourenzá explican que o Concello “concorreu en inferioridade de condicións” ao non presentarse conxuntamente con outros municipios “o que tería dado os puntos necesarios para que Lourenzá obtivese estas axudas”.

COLABORACIÓN CONSTANTE DA XUNTA CON LOURENZÁ

Ademais dos case 5M€ xa referidos de investimos, a Xunta tamén colabora con Lourenzá doutros xeitos. Por exemplo, en 2023, das cinco solicitudes nas que participou este concello só se lle denegou unha e este ano xa resultou beneficiaria de tres das catro solicitudes presentadas.

Unha colaboración constante que todos os veciños de Lourenzá coñecen e para exemplo o apoio maioritario que os laurentinos lle deron ao Partido Popular nas últimas eleccións autonómicas de febreiro.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario