Arranca en Carballo o curso de verán da UDC “Traballando en lingua nas redes sociais” no que se prestará especial atención ao papel da IA

por Redacción A Coruña

Ricardo Cao, reitor da UDC, destacou a importancia das redes sociais para a dinamización da lingua, xa que permiten chegar a públicos novos e crear comunidades de falantes dun xeito dinámico e creativo.

XVII Curso de Verán sobre Dinamización Lingüística, organizado pola Universidade da Coruña (UDC), co apoio da Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia e o Concello de Carballo, cita estes días na localidade bergantiñá a relevantes especialistas que analizarán o uso da lingua galega a través das redes sociais e o seu papel como canle de difusión e divulgación. 

Analizar e deseñar estratexias e accións para pór en valor e incrementar o uso e a visibilidade do galego nas redes sociais; detectar e estudar problemas e preconceptos existentes arredor do uso da lingua galega e valorizar o galego e a cultura propia como recurso de interese para actividades e proxectos nados das redes sociais, son os principais obxectivos deste curso de verán, inaugurado esta mañá. 

Un acto de inauguración que contou coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao; o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; o secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García; e a coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos.  

Ricardo Cao resaltou a oportunidade que representan as redes sociais para avanzar cara a unha maior presenza e aceptación do galego no mundo dixital. “As experiencias e boas prácticas que se presentarán nestes días serán unha fonte de inspiración e unha guía para todos nós”, afirmou o reitor.

Na mesma liña, Valentín García aludiu á importancia de “poñer en valor o traballo das persoas que usan o galego nas redes sociais” pero tamén a necesidade de seguir avanzando, e nese sentido destacou a importancia que vai ter o proxecto Nós, que permitirá xerar os recursos dixitais e lingüísticos precisos para facilitar o desenvolvemento de aplicacións baseadas en Intelixencia Artificial e Tecnoloxías da Linguaxe, “no día a día de todos os galegos e galegas”.

A coordinadora do Servizo de Normalización Lingüística da UDC, Marisol Ríos, puxo de manifesto o escaso uso do galego nas RRSS, pois segundo as últimas enquisas do Instituto Galego de Estatística só un 5% das persoas utilizan exclusivamente o galego ou máis o galego que o castelán nas RRSS ou para navegar por internet. “Precisamos xerar tráfico de datos en galego en Internet para que a nosa lingua acade os mesmos privilexios que as máis privilexiadas”.

O alcalde pechou o acto inaugural lembrando que de anteriores cursos de verán xurdiron iniciativas coma Apego ou Youtubeiras, e animando ás persoas participantes a seguir traballando en “proxectos de futuro que sexan útiles para seguir fomentando o galego entre nós”. Evencio Ferrero reiterou o compromiso do Concello de Carballo coa promoción da lingua, e nese sentido cualificou coma “unha honra” a recente concesión do Premio Lois Peña Novo.

A presente edición do curso tamén se alicerza no uso e na mellora do seu proceso de normalización, traballando os argumentos, as accións, a creatividade, a implicación e os métodos máis adecuados para tal propósito.

As sesións contarán con relatorios, comunicacións, mesas redondas e obradoiros para avaliar experiencias e propor medidas e accións de intervención en actividades para implicaren ás distintas entidades e persoas. As intervencións teñen como nexo promoveren o uso da lingua nas redes sociais, para alén de sesións destinadas a repararen no suceso de produtos e empresas que só utilizan a lingua propia nos seus proxectos comunicativo-sociais.

Así, o programa de relatorios inclúe desde O impacto das novas tecnoloxías e a intelixencia artificial (IA) na nosa sociedade, a cargo de NievesRodríguez Brisaboa, catedrática da Universidade da Coruña na Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos; ao papel do Tiktok galego e as creadoras galegas, sobre o que disertará Sara Seco, licenciada en Xornalismo pola USC, ou o papel da divulgación en galego nos diferentes eidos e soportes, tal e como explicará a  presentadora do programa da TVG Dígocho eu, Esther Estévez. 

O papel das redes sociais como canle de divulgación científica para a normalización do galego”, “Vivir en galego” a “Intelixencia artificial e futuro da lingua galega”, a “Actualidade e xornalismo nos contornos podcast e redes sociais”, e o “Galego para todo”; son os títulos das diferentes mesas redondas e relatorios que se celebrarán tamén nestes días. 

Un programa no que os novos soportes e novas aplicacións, así como os futuros retos que se abren coa intelixencia artificial serán sen dúbida os protagonistas das dúas xornadas, ás que asisten un total de 40 persoas.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario