Marisa López, directora de ADOS: “A Laracha é unha peza clave en Bergantiños ao longo de todo o ano”.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, a concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Rocío López, e a directora da Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), Marisa López, presentaron hoxe no Concello a campaña estival de doazón de sangue que ten por lema “Verán 2024: Somos Olímpicos”. Como todos os anos, ADOS contará co impulso do Concello na campaña de difusión, sensibilización e comunicación para animar á poboación a colaborar.
Segundo os datos achegados por ADOS, A Laracha mantense como o municipio da comarca de Bergantiños coa maior taxa de doazón, alcanzando as 48 por cada 1.000 habitantes no ano 2023. Marisa López apuntou que esta cifra cumpre as recomendacións da OMS (entre 40 e 60 doazóns) e “está moi por riba da media galega”, considerando que “A Laracha é unha peza clave en Bergantiños ao longo de todo o ano e un concello que demostra a súa solidariedade, o que fala moito e ben da implicación da cidadanía”.
A directora de ADOS destacou a relevancia da campaña de verán, xa que se trata dunha época na que “as necesidades dos hospitais se manteñen” e na que “todos os grupos sanguíneos son importantes”, aínda que apuntou que no momento actual “as reservas máis baixas son as de A- e A+”, ademais de “poñer o foco no grupo 0- como o dos doadores universais”.
Marisa López concluíu “apelando á solidariedade dos laracheses” e lembrando que a doazón “é un acto sinxelo, de apenas quince minutos, co que podemos axudar ata a tres persoas”.
O alcalde, José Manuel López Varela, incidiu no “chamamento á cidadanía para facer un esforzo na campaña especial de verán” que chegará á Laracha, Paiosaco e Caiónentre xullo e agosto. Salientou que se trata dun “acto sinxelo, pero importante para salvar vidas” e animou a implicarse “á xente de toda a comarca”. Finalizou agradecendo a presenza da directora de ADOS na Laracha, expresándolle a plena disposición do Concello para colaborar do mesmo xeito que en anos anteriores.
No concello da Laracha durante o verán, as datas e lugares aos que se desprazará a unidade móbil de ADOS para facilitar a doazón entre a poboación son as seguintes:
A Laracha (Praza do Concello).
• Martes 23 e mércores 24 de xullo: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
• Venres 23 de agosto: 10:00 a 14:00 e 16:00 a 21:00 h.
• Sábado 24 de agosto: 10:00 a 15:00 h.
Caión (Praza Eduardo Vila Fano)
• Xoves 22 de agosto: 16:00 a 18:30 h.
Paiosaco (Campo da Feira)
• Xoves 22 de agosto: 19:00 a 21:00 h.