Avanzan as obras de reurbanización da rúa Ponte coa reapertura ao paso do tráfico rodado desde Petín, en dirección á praza da Cubela

por Redacción A Coruña

O Concello enfila xa a última fase desta intervención, que suporá melloras no treito máis próximo á rotonda con Alcalde Marchesi, que reducirá o seu diámetro co obxectivo de facilitar a ampliación das beirarrúas próximas

Este xoves, o Concello deu un paso máis nos traballos para reurbanizar a rúa Ponte, reabrindo o paso do tráfico rodado a esta última desde a rúa Petín, no barrio da Gaiteira. Desta forma, os vehículos que baixan desde Petín xa poden circular novamente en dirección á praza da Cubela, no treito de Ponte onde xa se completaron as melloras previstas.

Cómpre destacar, iso si, que a partir de agora, o acceso á rúa Ponte desde a rúa Petín pasará a estar habilitado só á esquerda -anteriormente, os vehículos tamén estaban autorizados a virar á dereita, en dirección á rotonda de Alcalde Marchesi-. Esta medida, avaliada previamente polo servizo municipal de Mobilidade, adoptouse co obxectivo de aliviar, en termos de circulación, o tránsito actual na contorna da rotonda de Alcalde Marchesi.

Ademais, desta forma, o Concello continúa a darlle unha uniformidade ao rueiro entre A Gaiteira e A Cubela, onde pola configuración urbanística do barrio, con rúas moi estreitas, o Goberno de Inés Rey xa levou a cabo intervencións con anterioridade nas rúas Rianxo e Petín, ampliando os espazos peonís e promovendo a circulación rodada dos vehículos en carrís de sentido único.

Un diámetro menor na rotonda de Alcalde Marchesi para garantir melloras nas beirarrúas

As obras na rúa Ponte continúan no seu sector leste, onde se remodelará o cruzamento que dá acceso á peonil da Gaiteira, un enclave onde o tránsito peonil é constante a diario. Este punto de conexión entre Alcalde Marchesi, Ponte e a peonil da Gaiteira pasará a ser un viario con preferencia para as e os peóns, que pasará a estar incluído no percorrido da rolda Peonil coa que o Goberno de Inés Rey busca conectar o parque de San Diego, nos Castros, co futuro parque do Observatorio, na Agra do Orzán.

Por ese motivo, o actual paso de peóns entre a rúa Ponte e o acceso á peonil da Gaiteira será reconfigurado de tal forma que os percorridos peonís e a calzada estarán ao mesmo nivel, sempre con prioridade ao paso das e dos peóns. Os vehículos poderán acceder a esta superficie desde a rotonda de Alcalde Marchesi, a través dunha rampla en elevación.

A maiores, o Concello tamén executará obras sobre a propia rotonda de Alcalde Marchesi e Posse, reducindo o seu diámetro e adaptándoa á nova configuración da contorna, facilitando, así, que se gañen os espazos necesarios para ampliar as beirarrúas sen que isto supoña un prexuízo para a circulación dos vehículos.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario