Sinala que Altri incumpre a Directiva 2010/75/UE para a prevención e control integrado da contaminación das emisións industriais
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar novas iniciativas nas Cortes do Estado en relación ao financiamento público da macrocelulosa despois da nova sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre emisións industriais. O deputado do BNG reclama ao Goberno do Estado que, despois de coñecer esta sentenza europea, denegue financiar con diñeiro público o proxecto que Altri pretende instalar en Palas de Rei por non cumprir os parámetros de emisións industriais que exixe a normativa vixente. Néstor Rego incide en que se debe facer cumprir coa legalidade vixente e exixir, para conceder autorización ou dar financiamento, que se avalíen o conxunto de emisións e que, no caso de Altri, non se cumpre.
O pasado 25 de xuño o Tribunal de Xustiza da Unión Europea emitía unha sentenza sobre o alcance da Directiva 2010/75/UE sobre emisións industriais en relación aos criterios a seguir na autorización de proxectos industriais.
A sentenza, de obrigado cumprimento para os Estados membros, sinala que para a expedición ou revisión «dun permiso de explotación dunha instalación a autoridade competente debe ter en conta, ademais das substancias contaminantes previsíbeis á luz da natureza e do tipo de actividade industrial de que se trate, todas aquelas que sexan obxecto de emisións cientificamente recoñecidas como nocivas que poidan ser emitidas pola instalación, incluídas as xeradas por esa actividade que non fosen avaliadas no procedemento de autorización inicial desa instalación».
Esta resolución, en opinión da frente nacionalista, é especialmente relevante para a Galiza e para a avaliación da autorización da macrocelulosa que Altri pretende instalar en Palas de Rei. «O proxecto incumpriría, segundo a interpretación realizada polo TXUE, a Directiva para a prevención e control integrado das emisións industriais» enfatiza o deputado do BNG. Néstor Rego sinala a ausencia no Estudo de Impacto Ambiental de referencias ás partículas PM 2,5, malia que tal e como declarou que deben terse en conta todos os contaminantes tratados no informe final de avaliación dos prexuízos para a saúde, así como as partículas PM 2,5 e PM 10 de fontes difusas e verteduras canalizadas.
«O proxecto presentado pola empresa lusa só contemplou e cuantificou catro substancias contaminantes á atmosfera polo que o seu Estudo de Impacto Ambiental incumpre a Directiva» subliña Rego. Neste sentido, o Goberno debe cumprir o contido na normativa europea e avaliar o conxunto de substancias «antes de incluír o proxecto na segunda convocatoria dos PERTE da descarbonización industrial».
O Goberno, reclama Néstor Rego, debe cumprir coa legalidade vixente e exixir, para conceder a autorización ou dar financiamento, que se avalíen o conxunto das emisións «e isto non se cumpre no caso do proxecto de ALTRI en Palas de Rei».