A UDC detecta a presenza dunha alga invasora nas Rías da Coruña e Vigo 

por Redacción Galicia

Persoal investigador da Universidade da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela detectaron a presenza en Galicia da alga asiática invasora Rugulopteryx okamurae

O grupo de investigación BioCost, do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) da Universidade da Coruña, en colaboración con membros do grupo BioAplic, da Universidade de Santiago de Compostela; detectaron recentemente a presenza en Galicia da alga asiática invasora Rugulopteryx okamurae. Esta especie invasora adquiriu bastante notoriedade en España nos últimos anos, debido aos importantes danos que está a provocar no sur peninsular. Por unha banda, un impacto ecolóxico sobre as comunidades biolóxicas dos fondos mariños, cunha perda da diversidade; e por outra, un impacto económico sobre a pesca, posto que esta alga acumúlase en grandes cantidades e impide o uso dalgunhas artes de pesca nas zonas onde está presente, e sobre as autoridades locais, porque chega ás praias e é necesario retirala para que os arenais poidan ser utilizables por bañistas.

Polo de agora, confirmouse a súa presenza en Galicia nas rías da Coruña e Vigo, cidades que contan con importantes portos, e concordando coa hipótese de que o tráfico marítimo está a axudar a que esta alga invasora se propague ao longo do litoral peninsular.

O futuro desta nova invasión en Galicia é incerto. As condicións das nosas costas son diferentes ás do Estreito. Con todo, a poboación detectada na Coruña mostra un comportamento claramente invasor, polo que non se pode descartar que poida acabar causando problemas similares aos da zona do Estreito nun futuro.

O caso de Rugulopteryx okamurae pon de manifesto, unha vez máis, o risco que supón a continua chegada de especies nativas doutras zonas do mundo. A experiencia demostra que, unha vez arraigada, eliminar unha invasión biolóxica é moi custoso e, a miúdo, imposible.

Hai un consenso xeneralizado de que a previsión e a detección temperá cando a invasión está nos seus comezos, é clave para evitar problemas. Neste sentido, os grupos BioCost e BioAplic prepararon unha proposta de sistema de alerta temperá que esperan sexa recibida favorablemente por parte das autoridades responsables da conservación das nosas costas.

O Grupo BioCost, Bioloxía Costeira

BioCost é un grupo de investigación que traballa aplicando técnicas avanzadas de estudo, desde análises moleculares a modelización espacial da paisaxe, orientado á conservación da biodiversidade e o uso sostible dos recursos.

Está formado por persoal docente e investigador das Áreas de Ecoloxía e Botánica da Universidade da Coruña, que colaboran con outros grupos nacionais e internacionais no estudo da biodiversidade, conservación e explotación sostible no medio mariño, marítimo e terrestre.

Entre outras actividades, desenvolven no CICA métodos de xestión sostible de hábitats de interese no medio mariño e rural, de manexo das invasións biolóxicas, de análises do impacto do cambio global sobre o medio costeiro, e de explotación e cultivo de recursos ficolóxicos mariños de interese económico e para a nosa saúde e benestar, mediante sistemas de acuicultura de enfoque ecosistémico.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario