O PP de Lugo presenta unha solución técnica para salvar dous tramos de escaleiras que dificultan a entrada ao nº16 da rúa Sagrado Corazón

por Redacción Lugo

Os populares pedirán ao goberno local “que reciba o vial que sirve de paso aos veciños do edificio para entrar nas súas vivendas e tamén facilitou unha proposta  para mellorar a accesibilidade do edificio”

O Partido Popular presentou á veciñanza que reside no número 16 da rúa Sagrado Corazón  unha proposta para mellorar a accesibilidade ao seu portal que está ubicado nun vial que comunica as rúas do Sagrado Corazón e Fontaneira, a vía que linda co peche do antigo colexio do barrio e que ten varios tramos de escaleiras antes de chegar á entrada principal dun edificio onde residen 21 familias.

Para facer a intervención é preciso levar a cabo unha segregación da parcela e a posterior cesión ao Concello do vial que, segundo figura no PXOM, é vía pública e comunica dúas rúas. Deste xeito, a administración local asumiría a execución de dúas rampas para eliminar as barreiras arquitectónicas que hai na actualidade no paso e que se podería financiar a obra con cargo á partida anual para obras de accesibilidade.

De rexeitar esta alternativa os veciños do edificio afectado terían que asumir os gastos do proxecto para facer rampas nos tramos das escaleiras e tramitar axudas da administración autonómica que financia ata o 60% do importe total.

A voceira do Grupo Municipal, Elena Candia e o concelleiro Ramón Cabarcos participaron neste encontro promovido pola Asociación veciñal do Sagrado Corazón e coincidiron coa veciñanza na necesidade de  facer unha intervención neste punto “para facilitar o tránsito dos peóns que utilizan esta zona para atravesar dun lado a outro do barrio xa que este paso comunica a rúa Sagrado Corazón coa rúa Fontaneira”.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario