O sindicato non asina o convenio tras verse rexeitado de xeito unánime polos traballadores e traballadoras do sector nas asembleas convocadas, mentres tanto CSIF e UGT xa tiñan manifestado a súa sinatura do mesmo
CCOO rexeita asinar o convenio da sanidade privada da provincia de Ourense que mantén a precariedade laboral para o persoal deste sector.
O convenio non recolle mellora algunha para o persoal no seu articulado, que non sufriu modificación desde o ano 2009, agás aquelas obrigatorias derivadas das leis aprobadas.
O persoal da sanidade privada da provincia de Ourense ten uns salarios dos máis baixos e a xornada máis longa de todo o Estado, sen outras licenzas e permisos retribuídos que os que recolle o Estatuto dos traballadores.
Padecen, ademais, unha elevada carga de traballo, moita eventualidade e amosan unha gran polivalencia.
O actual convenio leva caducado desde o 2012, o que supón moitos anos sen revalorización dos salarios.
O novo convenio limítase a unha actualización de salarios exclusivamente para os grupos profesionais máis altos, a partir do 1 de xullo do 2024, o que supón unha clara perda de poder adquisitivo. Para os grupos profesionais máis baixos non supón mellora algunha, xa que o seu salario mantense no SMI, que xa viñan percibindo por imperativo legal.
CCOO non asina o convenio tras verse rexeitado de xeito unánime polos traballadores e e traballadoras do sector nas distintas asembleas nas que se fixo a consulta, que o consideraban unha aldraxe, mentres tanto CSIF como UGT xa tiñan manifestado a súa sinatura do mesmo.