O BNG buscará o acordo do pleno provincial para reclamar á Confederación Hidrográfica, ao Estado e á Xunta de Galicia un plan de mellora das infraestruturas e da xestión do regadío do Val do Lemos
A formación nacionalista presentará no vindeiro pleno – o 30 de xullo- unha iniciativa que recolle as medidas máis urxentes para que a infraestrutura responda as demandas e necesidades do desenvolvemento agrogandeiro na zona.
A proposta prioriza a renovación e limpeza das canles de regadío, a creación dun censo para a xestión eficiente dos cobros, a condonación da débeda ás comunidades de regantes e a realización dunha parcelaria ou agrupación de fincas nas zonas afectadas pola canle.
O portavoz do grupo provincial e deputado de Rural Daniel García visitou a zona, acompañado pola responsable comarcal do BNG nas comarcas do Sur, Rosana Prieto, e polo portavoz do BNG de Monforte, Emilio Sánchez, que compartiron a urxencia dunha actuación coordinada por parte das administracións para aproveitar as potencialidades desta infraestrutura, agora nun lamentable estado de deterioro e abandono.
Daniel García explicou que «a mellora das infraestruturas e da xestión do regadío é cjave para aproveitar o potencial produtivo da zona e previr o abandono do territorio, polo que pediremos á corporación provincial unidade para asumir as demandas do sector agrogandeiro e da comunidade de regantes e esixir ás institucións competentes que traballen de forma coordinada para que o regadío preste un servizo eficaz e viable».
A iniciativa no pleno da Deputación de Lugo súmase ás accións que o BNG ven desenvolvendo en relación con esta infraestrutura, presentando nos concellos, no Parlamento Galego ou no Congreso iniciativas para reclamar a atención das institucións sobre a problemática do regadío do Lemos.