O Dépor lanza a “Arsenio Estela” ironicamente destacando a falta de “orde e talento”. Por Bibi Santiso

Hoxe, tras unha longa espera, o Deportivo finalmente desvelou a súa primeira camiseta para a tempada 24-25: a «Arsenio Estrela». O lanzamento fíxose mediante un vídeo xerado por intelixencia artificial, no que un raposo pasea entre cervexas.

A falta de creatividade móstrase na utilización da intelixencia artificial e no aproveitarse e facer caixa sempre coa nosa historia.

Esta é a primeira campaña sen Gabi Barrós (Mercedes Cernadas chegou a tempada pasada coas camisetas deseñadas e a campaña tamén). Dende hai un tempo, o club leva demostrando unha liña de comunicación desarraigada. A falta de creatividade móstrase na utilización da intelixencia artificial e no aproveitarse e facer caixa sempre coa nosa historia. Non se logra captar o verdadeiro sentimento, a identidade e o lado humano que nos define como club. É doloroso ver como conseguen, dun xeito horrorífico, desvirtualizar a Arsenio Iglesias, sen consideración polo que realmente significa para nós. A esencia dilúese en cada intento de monetización.

A camiseta, cun prezo de 85€, destaca como unha das máis caras da segunda división

A súa calidade xa se cuestiona só coas fotos divulgadas. Na parte interna do pescozo, atópase a única dedicatoria a Arsenio Iglesias: unha imaxe do seu rostro xunto ao nome do equipamento e a frase «Volve guiarnos». A inclusión dunha “pegatina Panini» na camiseta, en lugar de render unha homenaxe digna, parece banalizar o seu legado. Utilizar o nome de Arsenio Iglesias, un símbolo profundamente querido polos afeccionados, para impulsar vendas a un prezo tan alto, expón serias cuestións éticas.

O Departamento de Comunicación e Marketing, que conta con máis persoal que nunca, logrou un nivel de desconexión preocupante cos valores e sentimentos do club. Utilizar intelixencia artificial para crear un vídeo tan bochornoso, en lugar dun enfoque auténtico e humano, demostra unha alarmante falta de entendemento e respecto cara á historia e os íconos do Deportivo. Como é posible que, con tantos recursos, recórrase a unha ferramenta tan impersonal e deficiente para representar algo tan importante para nós?

A verdadeira grandeza do Deportivo radica no capital humano

É crucial que o club reevalúe as súas prioridades e comprenda que a súa verdadeira grandeza radica no capital humano, así como na paixón e o orgullo que esperta nos seus afeccionados. Só ao recoñecer isto poderá volver ser un auténtico símbolo de unidade e autenticidade para a cidade. Agora máis que nunca, como dicía o noso Raposo de Arteixo, o club necesita máis «orde e talento» para recuperar a súa esencia.

Comparte éste artículo
No hay comentarios