O BNG expresa a súa solidariedade ás familias da tripulación e avanza que seguirá o asunto con interese para coñecer todo o acontecido
O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar unha iniciativa de urxencia, para a resposta do Goberno do Estado, co obxectivo de coñecer todo o acontecido no afundimento do palangreiro Argos Georgia e o operativo de rescate dos 27 membros da tripulación e seguimento por parte do Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo. A frente nacionalista mostra a súa solidariedade coas familias das e dos tripulantes do buque e anuncia que fará un seguimento activo sobre o acontecido.
Despois de coñecer o afundimento do barco palangreiro Argos Georgia na noite do luns, 22 de xullo, a 170 millas ao leste de Puerto Argentino /Port Stanley nas Illas Malvinas, a organización nacionalista mantivo un seguimento activo das informacións que estaban a chegar. A tripulación do buque estaba composta de 27 persoas, cinco delas galegas entre os que se contan o capitán do barco, o primeiro oficial, o xefe de máquinas, o seu substituto e un mariñeiro. Hai, ademais, dous observadores científicos de Castela A Mancha e o resto da tripulación proceden da Rusia, Uruguai, Perú e Indonesia.
“O Argos Georgia solicitou axuda tras sufrir unha vía de auga ás 18 horas (hora local) de 22 de xullo. Pasada a medianoite a tripulación abandonou o barco en tres balsas salvavidas” relata o deputado do BNG no Congreso. Rego entende que, dado que afecta a cidadáns do Estado, o Centro de Coordinación de Salvamento Marítimo, situado en Madrid, está a ter comunicación co seu homólogo MRCC Falkland para coñecer o dispositivo de rescate.
Ante esta situación, o BNG interésase polas actuacións que está a levar a cabo o Goberno do Estado en relación ao acontecido: “se ofreceu axuda para a operación de rescate e repatriación e mesmo se informou as familias dos mariñeiros galegos que ían no barco, así como as familias das outras persoas procedentes doutras partes do Estado” pregunta o deputado do BNG.
Paralelamente, Néstor Rego avanza que a frente nacionalista estará atenta a todos os pasos que se realicen nesta operación e expresa a súa solidariedade ás familias das persoas que estaban embarcadas no Argos Georgia e as condolencias ás dos falecidos.