O presidente da Deputación despediu en Dexo (Oleiros) aos participantes da última quenda dos campamentos.
Cincocentos nenos e nenas entre os 9 e os 14 anos procedentes dos 93 concellos coruñeses gozaron durante o mes de xullo dos campamentos deportivos de verán organizados pola Deputación da Coruña na residencia do IES Rosalía Mera, na cidade herculina.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, despediu esta mañá en Dexo (Oleiros) aos participantes na derradeira quenda dos campamentos.
Formoso destacou que a rapazada «gozou dun amplo programa de actividades, tanto deportivas como culturais e de ocio, pero sobre todo do máis importante, que é facer amigos e compartir vivencias». O presidente desexou un bo verán aos participantes e felicitou aos monitores encargados do coidado dos cativos polo traballo desenvolvido.
Nesta última semana participaron nenos e nenas dos concellos de Ares, Cariño, Cedeira, Cerdido, A Coruña, Moeche, Monfero, Narón, Neda, Ortigueira, San Sadurniño, As Somozas e Valdoviño.
Durante todo o mes de xullo, os rapaces e rapazas tiveron a oportunidade de participar en actividades náuticas, practicar tenis, fútbol, baloncesto, natación ou sendeirismo; así como gozar dun paseo en barco pola ría da Coruña e visitar lugares de interese coma a Torre de Hércules, a Casa dos Peixes, o xardín de San Carlos, ou castelo de San Antón.