A entidade galega presentou un sólido conxunto de resultados, poñendo de manifesto o bo desempeño diferencial cando cumpre os seus primeiros 10 anos de traxectoria no mercado, convertida nunha sólida plataforma ibérica. O volume de negocio con particulares e empresas repártese practicamente a partes iguais entre Galicia e o resto da península, onde un 34,6% corresponde a España e o 14,8% a Portugal. A entidade conta cunha rede de 937 puntos de venta, dos cales 686 sitúanse en España e 251 en Portugal.
O crecemento eficiente do negocio e a boa xestión do balance resultaron claves no resultado obtido. A positiva evolución do negocio tradúcese en incrementos de cota de mercado en todos os territorios: 544 pb. en Galicia, ata situarse no 41,5%, 132 p.b. no resto de España, chegando ao 3,4%, e 279 p.b. en Portugal, alcanzando o 3,0%.
O crecemento orgánico recibe un forte impulso grazas ao valor da proposta comercial da entidade: un total de 65.000 novos clientes incorporáronse a ABANCA no que vai de 2024, o 65% deles fóra de Galicia. As novas formalizacións de crédito con empresas e familias creceron un 8,4% interanual mentres que os recursos de clientes aumentaron, de maneira diversificada, un 9,3%.
A entidade segue situada á cabeza do sector en calidade de carteira: a taxa de mora situouse no 2,3%, o cociente Texas no 23,9% e a cobertura de activos dubidosos no 72,2%.
En materia de solvencia, a capacidade de xeración orgánica de capital permite que os cocientes se sitúen nos seus niveis de referencia (CET1 do 13%) tras absorber o impacto das adquisicións xa incorporadas no Grupo ABANCA. A liquidez continúa sendo folgada, cun cociente de créditos / depósitos do 82,8% e unha base de depósitos granular.
ABANCA culminou recentemente a adquisición de EuroBic, completando de forma exitosa un ciclo de operacións que lle permitirá superar os 128.000 millóns de euros de volume de negocio.
O primeiro semestre incluíu tamén diversas accións en materia ambiental, social e de gobernanza que reforzan o compromiso da entidade coa banca responsable e sostible. A protección dos espazos naturais, a redución de emisións propias e da carteira, a promoción da cultura financeira e a formación do persoal en sostibilidade son os ámbitos de traballo fundamentais do período.
Resultados recorrentes de alta calidade
A conta de resultados reflicte a boa execución do modelo de negocio do banco, baseado na obtención de ingresos recorrentes e diversificados. Prioridade estratéxica que se complementa coa prudencia aplicada na xestión dos riscos e o foco na eficiencia.
Produto da boa evolución do negocio con clientes, a marxe de intereses creceu un 42,5% en termos interanuais, ata os 767,4 millóns de euros, mentres que a marxe básica experimentou un incremento similar, do 33,6%, ata os 920,8 millóns.
Pola súa banda, o cociente de eficiencia mellorou 5,0 p.p. respecto a xuño de 2023 a pesar do impacto inicial que supoñen as adquisicións para a base de gastos, quedando situado no 46,4%. ABANCA mantén o seu cociente de eficiencia por baixo do 50% a pesar do esforzo realizado para potenciar o negocio, reforzar a protección fronte a ciberriesgos, incrementar as capacidades de servizo e mellorar a retribución do persoal.
A entidade mantén a súa política de prudencia na dotación de provisións a pesar dos sólidos niveis de morosidade e cobertura. O custo do risco mantense controlado no 0,29%, o cociente de morosidade situouse no 2,3%, e a cobertura alcanzou o 72,2%.
Con todo isto, ABANCA continúa a súa senda de mellora de resultado, que alcanza os 412 millóns de euros e sitúa a súa rendibilidade nun 16,9%, por encima do custo do capital.
Foco en familias e empresas
Tendo en conta a achega de EuroBic, que terá reflexo contable no terceiro trimestre deste ano, o volume de negocio xestionado por ABANCA supera os 128.000 millóns de euros, centrado na actividade con empresas e familias.
Os préstamos e anticipos á clientela supoñen 45.519 millóns de euros, un 84% con familias e empresas. A carteira de crédito en situación normal creceu un 3,1% en termos anuais (15,7% proforma con EuroBic), ata os 44.761 millóns. As novas formalizacións creceron un 8,4%, practicamente ata o nivel dos 6.000 millóns, destacando o capítulo de hipotecas (2,9%) e de crédito a longo prazo a empresas (8,0%).
Os recursos xestionados de clientes creceron un 9,3% (20,3% proforma con EuroBic) en termos interanuais, ata os 70.097 millóns de euros. Destaca o incremento de 4.639 millóns de euros en saldos a prazo e produtos fóra de balance. A estrutura de recursos de clientes presenta un 78% en saldos á vista e a prazo, e un 22% en recursos fóra de balance.
Os depósitos minoristas aumentaron un 7,7% (21,2% proforma con EuroBic), ata os 54.961 millóns de euros. O 93% do total de depósitos da entidade corresponde a familias e empresas, característica que se demostra na súa alta granularidade: o 71% deles ten un saldo inferior aos 100.000 euros.
En fóra de balance, a entidade mantén o seu intenso ritmo de crecemento en activos baixo xestión e venda de seguros. Os recursos fóra de balance aumentaron un 15,5% interanual, ata os 15.136 millóns de euros. Os ingresos por prestación de servizos vinculados a estes produtos creceron un 10,6%.
O negocio asegurador continuou mostrando un ton moi robusto. As primas de seguros xerais e vida risco creceron un 11,7% interanual, ata os 502 millóns de euros. As primas de seguros de decesos creceron un 77%, as de seguros de saúde un 37%, as de seguros de empresas un 17% e as de seguros vida-risco un 11%. Os ingresos por prestación de servizos vinculados a estes produtos creceron un 7,5%.
Fortaleza financeira
Un trimestre máis, ABANCA mantense como unha das mellores entidades do sistema por calidade e cobertura dos seus activos. A entidade acredita un cociente Texas do 23,9%, unha cobertura de adxudicados do 63,5% e unha cobertura de morosidade do 72,2%. A morosidade (2,3%) mantense estable, a pesar do incremento de negocio, e é 53 p.b. inferior á media do sistema (2,8%).
A calidade dos activos de ABANCA e a súa rendibilidade foron básicas para as melloras da perspectiva aplicadas por DBRS, Standard and Poor´s e Fitch nos pasados meses de abril a xuño. ABANCA conta desde abril de 2022 con grao de investimento nos ratings das catro axencias que a cualifican: Standard and Poor´s, Moody´s, Fitch e DBRS.
En solvencia, o banco mantén indicadores moi robustos a pesar das integracións realizadas. O cociente de capital de máxima calidade CET1 aumentou ata o 13,0%, cun colchón sobre requirimentos regulatorios de 485 p.b. equivalentes a 1.645 millóns de euros. Pola súa banda, o cociente de capital total aumentou ata o 17,3%, unha folgura de 479 p.b. e 1.625 millóns de euros. A entidade cumpre o requirimento MREL fixado para 2024 cunha marxe de 171 p.b.
O banco presenta así mesmo unha sólida posición de liquidez, baseada fundamentalmente en depósitos minoristas, que supoñen o 85% do total. O cociente de crédito sobre depósitos minoristas (LTD) está situado no 82,8%.
Banca responsable e sostible
A entidade é cualificada polas tres principais axencias de rating ASG, que a sitúan por encima da media do sector. Destaca especialmente a súa posición na clasificación de Sustainalytics, onde está situada como o 10º mellor banco do mundo neste ámbito.
En materia de sostibilidade destaca especialmente a iniciativa de banca dixital B100, un modelo pioneiro de healthy banking centrado na saúde persoal, na saúde do planeta e na saúde financeira. O forte crecemento en clientes e negocio deste banco dixital redunda directamente no medioambiente, a través de iniciativas como a loita contra a contaminación mariña por plásticos en colaboración coa startup Gravity Wave.
Co Plan de Banca Responsable e Sostible 2021-2024 na súa última etapa de desenvolvemento, ABANCA levou a cabo no primeiro semestre de ano un intenso programa de accións ambientais, sociais e de gobernanza.
Desde xaneiro participou en novas accións do programa PLANCTON de conservación do litoral. Este programa de Afundación, a Obra Social de ABANCA, que no conxunto das súas actividades conta con 2 millóns de beneficiarios, realizou no semestre 20 xornadas de limpeza, coas que se retiraron en distintas zonas 24 tn de residuos grazas ao esforzo de voluntarios e voluntarias. Ademais, o programa celebrou unha nova edición, a terceira, da súa iniciativa de concienciación en boas prácticas para o uso de areais.
ABANCA está a apoiar iniciativas de restauración, rexeneración e plantación de especies autóctonas en áreas forestais degradadas por incendios ou catástrofes naturais, seguindo criterios de xestión forestal sostible e para proxectos de absorción de dióxido de carbono do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico. En 2023, dentro do convenio de colaboración coa Fundación ARUME e a Asociación Forestal de Galicia, a entidade apoiou cinco proxectos de restauración cun total superior a 93 hectáreas e 106.000 plantas.
Doutra banda, no primeiro semestre do ano ABANCA evitou a emisión á atmosfera de 2.945 tn de CO2eq mediante o uso de enerxía renovable con garantía de orixe, e doutras 262.113 tn CO2eq por financiamento de proxectos de enerxía renovable.
No ámbito social, o banco lanzou novas accións enfocadas a mellorar a educación financeira e as capacidades dixitais de colectivos clave, co obxectivo de mellorar a inclusión e a saúde financeira das persoas.
Por sexto ano, nesta ocasión para o período 2024/2025, ABANCA adheriuse ao ‘Programa Funcas de Estímulo da Educación Financeira’, desde o que apoiará unha nova edición do programa Young Business Talents, dirixido a promover o emprendemento entre novos estudantes preuniversitarios, e poñerá en marcha un novo proxecto educativo interactivo, denominado ‘Superávit’. Ademais, a través do seu ‘Plan de Formación e Capacitación Dixital de Maiores’, que cumpre a súa terceira edición, ABANCA levou a cabo no semestre 51 novas accións.
En materia de gobernanza, o banco ampliou a súa senda de descarbonización publicada e comprométese a reducir en 2030 a intensidade de emisión de carbono da súa carteira crediticia nun 34% para o sector de enerxía eléctrica e nun 17% para o sector inmobiliario residencial. Con isto son xa nove os sectores incluídos.
Dentro do programa interno ‘ABANCA Sostible’, o banco concluíu a liña de formación específica en finanzas sostibles que veu desenvolvendo nos últimos meses, con acreditación especializada para os participantes de diferentes áreas da entidade.