A Xunta expoñerá de xeito permanente a ‘Santa’ de Asorey na Cidade da Cultura

A Santa de Francisco Asorey, unha das obras máis icónicas do patrimonio artístico galego, retornará a Galicia para quedar exposta de forma permanente na Cidade da Cultura. O traslado coincide co centenario da creación da escultura, realizada en 1926, e pon fin a máis de sete décadas de estancia en Montevideo.

Considerada unha peza clave para comprender a traxectoria de Asorey e un dos grandes fitos da escultura galega do século XX, a Santa é tamén un símbolo da memoria da emigración e da modernización cultural de Galicia no primeiro terzo do século pasado.

Unha obra histórica da diáspora

Presentada orixinalmente na Exposición Nacional de Bellas Artes de Madrid en 1926, a peza foi adquirida en 1951 pola colectividade galega no Uruguai. Tras máis de sete décadas en Montevideo, a Xunta de Galicia adquiriuna en 2022 no marco do proceso de liquidación concursal da Casa de Galicia, xunto a un valioso fondo documental e bibliográfico.

Nese momento, a Administración autonómica acordou co Goberno uruguaio que a escultura fose exhibida no Museo Zorrilla. Con todo, os recentes cambios no relato expositivo desta institución e a reorganización da súa colección motivaron agora o seu traslado definitivo a Galicia, co obxectivo de garantir a idónea contextualización, estudo e contemplación da obra.

Retorno grazas á cooperación institucional

O regreso da Santa —que xa fora exhibida temporalmente na Cidade da Cultura na exposición Galicia, un relato no mundo, con máis de 46.000 visitas— é froito da colaboración entre a Xunta de Galicia, o Goberno do Uruguai, a dirección do Museo Zorrilla e o apoio das colectividades galegas na diáspora.

Comparte éste artículo
No hay comentarios