Os socialistas piden a comparecencia de Rueda no Parlamento para que explique que agocha a nova lei da CRTVG

por Redacción Galicia

O Grupo Parlamentario do PSdeG solicita a través da deputada Silvia Longueira a comparecencia do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, nun pleno extraordinario para aclarar as iniciativas relacionadas coa nova lei da CRTVG. Este anuncio prodúcese tras a publicación do borrador da devandita lei no dixital elDiario.es o pasado 27 de xullo.

Segundo o artigo publicado, a nova lei permitiría ao Partido Popular obter o control absoluto sobre os medios públicos da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Ademais, estableceríase un camiño para que a Televisión de Galicia  emita producións en castelán «sen complexos».

O borrador da nova lei elimina a lei de medios aprobada en 2011, que propoñía a creación dun Consello de Informativos e a redacción dun Estatuto Profesional, ningún dos cales se desenvolveu ata a data. No seu lugar, anúnciase a creación dun Consello Asesor de 15 membros, todos eles elixidos por organismos controlados polo PP.

Outro cambio significativo é a modificación do método de elección do Director Xeral da Corporación. Se non se logra a elección por tres quintos da cámara en segunda votación, unha disposición transitoria permitiría a elección do candidato/a con unha maioría simple, facilitando así que o Partido Popular poida designar ao Director Xeral que estime oportuno.

Ademais, o documento ao que tivo acceso o diario dixital abre a posibilidade de emisión de contidos en castelán, sinalando que as emisións serán en galego «sen prexuízo da utilización doutras linguas cando así o xustifique o cumprimento da misión de servizo público co fin de dar a coñecer a identidade cultural de Galicia fose do territorio da Comunidade Autónoma”.

A situación actual da CRTVG reflicte unha serie de problemas e deficiencias que agravan a necesidade de transparencia e reformas. Segundo datos presentados polo Director Xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, a implantación da CRTVG está por baixo das televisións autonómicas históricas e non cumpre co servizo público que se supón debe levar a cabo unha televisión pública. A audiencia de TVG diminuíu nun 30%, e o seu modelo aseméllase máis ao da Televisión de Madrid e Aragón que ao de TV3 ou a Televisión Vasca.

O orzamento da CRTVG descendeu a niveis de 2009, afectando a súa capacidade para producir contido propio e a súa función como repositorio veraz da sociedade galega. Ademais, máis do 53% da poboación estima que a CRTVG non é moderna, e máis do 42% cre que hai un déficit informativo no ámbito cultural.

A CRTVG tamén enfronta problemas de desmantelamento de centros locais, externalización da produción e condicións laborais precarias. O 64% dos informativos non transmiten seriedade, e a externalización da produción propia alcanza máis do 64%, moi por encima da media doutras cadeas autonómicas. Ademais, a CRTVG ten a 9 directivos imputados por acoso laboral, cunha alta incidencia de baixas entre xornalistas que resistiron presións políticas.

Ante estes feitos e a situación de intervención política que sofre a CRTVG desde hai 15 anos, o PSdeG teme que en outubro Rueda, a través da lei de acompañamento dos Orzamentos, trate de coar “pola porta de atrás” unha modificación para poder elixir directamente ao director xeral da CRTVG, sen necesidade dunha maioría cualificada do Parlamento de Galicia.

Por ese motivo o Grupo Parlamentario do PSdeG vén de rexistrar unha batería de iniciativas, entre as que figura a seguinte interpelación: “Pode asegurar o Goberno da Xunta de Galicia que este documento será enviado a esta cámara coa modificación explícita para a elección do Director Xeral e a emisión de producións en castelán?”.

O Grupo Parlamentario do PSdeG espera que o Presidente da Xunta de Galicia compareza para ofrecer explicacións detalladas sobre estas cuestións e garantir a transparencia e o respecto á pluralidade informativa na CRTVG.

Esta solicitude subliña a necesidade dun debate transparente e construtivo sobre o futuro dos medios públicos en Galicia, garantindo a súa independencia e o cumprimento da súa misión de servizo público.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario