O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, destacou hoxe o compromiso dos socialistas co sector da conserva tras a posta en marcha por parte do Goberno das axudas a actuacións de fortalecemento industrial na transformación de produtos da pesca e da acuicultura (Perte Mar-Industria), cuxas bases se publicaron este mes no BOE.
Besteiro visitou a sede de Anfaco-Cecopesca na compaña da viceportavoz do Grupo Socialista no Parlamento galego, Elena Espinosa, e os responsables de mar e industria mariña na Executiva do PSdeG, José Ramón Romero e Pedro Blanco. Alí reuniuse, entre outros, co presidente da patronal conserveira, Iván Alonso, e o seu secretario xeral, Roberto Alonso. Tras o encontro, explicou que o Perte, con cargo aos fondos Next Generation da UE, é “un logro moi importante do sector no que o PSdeG estivo moi implicado”. Salientou, ademais, que o ministerio que lidera Luis Planas foi quen de conseguir “que tivera acollida dentro dos fondos europeos”.
“Hoxe podemos gozar dun investimento de máis de 40 millóns de euros”, detallou o secretario xeral socialista en referencia ás axudas que contempla o Perte, unha cifra que o sector pode elevar “ata 100 millóns” con investimento privado do que se beneficiarán proxectos “destinados á economía circular, seguridade e hixiene, novos envases ou novos produtos”, puxo como exemplos. Besteiro comprometeu o “apoio incondicional” do Partido Socialista a proxectos que representan “o futuro do mar e a súa industria” nos vindeiros anos e que son “unha gran noticia para o sector”.
José Ramón Gómez Besteiro confiou, por outro lado, en que o Perte contribuirá a incrementar aínda máis “o protagonismo e o peso” da industria conserveira galega, como tamén a que Galicia “non perda oportunidades” para mellorar a súa economía. Nese senso, sinalou que os avances en modernización de tecnoloxías e procesos implican “mellores salarios e mellores condicións de traballo”, pero tamén serven para “proxectar as nosas industrias” no exterior, como é o caso dun sector “estratéxico” como o da conserva.
Financiamento autonómico e funcionamento da Xustiza
A preguntas dos medios, o líder socialista defendeu un “financiamento singular” para Galicia por aspectos como a dispersión da poboación ou o avellentamento, que son “feitos diferenciais”. “Iso é o importante dende o punto de vista de Galicia”, subliñou respecto do principio de acordo entre o PSC e ERC para avanzar na investidura de Salvador Illa como presidente catalán. “O que nos preocupa realmente é que ese financiamento singular tamén ten que vir para Galicia, tal como defendemos, por certo, socialistas de toda España”, insistiu.
Por outra banda, mostrou a súa confianza “plena” na Xustiza, aínda que criticou “determinadas prácticas” máis propias dunha “política xudicial”. “Parece que a dereita e a ultradereita están utilizando os tribunais para conseguir o que non conseguen a través dos votos”, censurou para lembrar que os socialistas galegos coñecen “as consecuencias dun funcionamento anormal da Xustiza”. “Vivino en carne propia, e outros compañeiros e compañeiras tamén”, recordou.
Por iso, demandou que esas prácticas, que agora está a padecer incluso o presidente do Goberno, “deben ser desterradas da práctica xudicial”. “Levar a cabo probas testificais sen atender os recursos demostra que o procedemento non se está levando coa orde e co control do que debe ser o funcionamento normal da Xustiza”, afirmou.