I Trofeo de Fútbol Unindo Camiños

por 21 Noticias

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, eloxiou á organización do I Trofeo de Fútbol Unindo Camiños, na medida en que promove unha competición que afianza os valores que comparten a peregrinación xacobea e o deporte. Subliñou a “colaboración, empatía, tolerancia, sacrificio e solidariedade” como algúns destes valores comúns. Un torneo que, ademais, permitirá afianzar “os obxectivos de promoción e divulgación do Camiño”.

Xosé Merelles participou este serán na presentación deste evento deportivo, que co apoio da Xunta de Galicia, tivo lugar no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago. Na súa intervención, referiuse ao momento concreto no que presenta esta competición, xusto cando España acaba de gañar a súa cuarta Eurocopa e mentres en París se están a disputar os Xogos Olímpicos. Neste contexto, o director de Turismo de Galicia sinalou que non se pode obviar o relevante impacto que os eventos deportivos posúen como xeradores de fluxos turísticos. A dimensión deportiva “xa representa arredor do 10% do turismo mundial”, salientou aludindo a datos recentes feitos públicos por ONU Turismo.

Así mesmo, o director de Turismo de Galicia aproveitou para poñer en valor “o excelente comportamento que está a vivir o sector na comunidade”, froito “do bo facer e da boa xestión realizada durante anos”. Aludiu aos últimos datos do INE, que reflicten que, só no mes de xuño o aloxamento hoteleiro de Galicia rexistrou máximos históricos cun incremento de viaxeiros do 5,6% con respecto ao ano pasado e unha conseguinte mellora de rendibilidade. Estímase que nese mes o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais nominais de 43,3 millóns de euros, cifra un 8,7% superior ao ano pasado.

Valores xacobeos e deportivos

O I Trofeo Unindo Camiños, que terá lugar en Compostela os vindeiros 24 e 25 de agosto, está promovido polo Sporting Santiago Fútbol Club e ten como obxectivo crear unha irmandade entre as cidades polas que pasa o Camiño de Santiago a través do fútbol e dos valores que unen a peregrinación xacobea e o deporte.

Nesta primeira edición competirán case unha decena de clubs (masculinos e femininos) emprazados en diferentes itinerarios xacobeos, tanto principais como secundarios, entre os que salientan o Sevilla Fútbol Club ou o FC Porto.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario