UGT: «Condenan a España por non cumprir coa obrigación de dar unha compensación adecuada por despedimento inxustificado»

por 21 Noticias

O Comité Europeo de Dereitos Sociais (CEDS) fixo público este luns o seu fallo sobre a regulación española das indemnizacións por despedimento improcedente. O organismo dependente do Consello de Europa, en resposta á reclamación presentada pola Unión Xeral de Traballadoras e Traballadores (UGT), concluíu que estas indemnizacións non son disuasorias nin reparatorias.

Desta maneira, o CDS dá a razón a UGT e condena a España por non cumprir coa obrigación de dar unha compensación adecuada por despedimento inxustificado. O organismo sinala que a lexislación española viola o Artigo 24 da Carta Social Europea (CSE), que garante o dereito dos traballadores a unha protección adecuada en caso de despedimento.

A raíz disto, o vicesecretario xeral de Política Sindical de UGT, Fernando Luján, e o secretario xeral de UGT-Galicia, José Antonio Gómez, ofreceron hoxe en Santiago unha rolda de prensa para analizar e valorar a decisión do CEDS.

Neste senso, Gómez explicou que a demanda foi interposta por UGT no ano 2022 e insistiu en que o fallo do Comité Europeo de Dereitos Sociais si é vinculante e de obrigado cumprimento, polo que a partir de agora hai que traballar para cambiar a lexislación española ao respecto a adaptala ao que se nos apunta dende Europa. En relación a Galicia, explicou que no 2023 presentáronse 4.039 demandas por despedimento improcedente que arroxaron unhas indemnizacións medias por traballador de pouco máis de 9.000 euros, unha contía, evidentemente, ridícula por un despedimento considerado improcedente, é dicir, inxusto, e que non se axusta á lexislación vixente.

Pola súa banda, Fernando Luján explicou como se chegou á decisión sobre o fondo do Comité Europeo de Dereitos Sociais en relación ao despedimento improcedente en España. No 2012, o Goberno do PP impuxo de xeito unilateral unha reforma laboral que fixou unha indemnización de despedimento improcedente en España de saldo. De

45 días por ano traballado pasouse a 33, do tope de 42 mensualidade a 24 e elimináronse os salarios de tramitación. Isto provocou que as indemnización quedasen mermadas nun 70% por un despedimento considerado xudicialmente inxusto. Isto levou á convocatoria de dúas folgas xerais e abrir, por parte de UGT, unha batalla sen descanso.

En decembro de 2021 pactouse unha nova reforma laboral que conseguiu restituír parte dos dereitos eliminados na do 2012 pero quedaba pendente o tema do despedimento, e así o deixou ben claro o Sindicato xa por aquel entón. Aquí comezou un camiño xudicial que nos levou á conclusión de que a lexislación española nesta materia incumpría claramente a Carta Social Europea e en marzo de 2022 UGT presentou a reclamación pertinente.

De aquí saíu o fallo que o CEDS fixo público este luns: “España viola o artigo 24 da Carta Social Europea” e, como a nosa Constitución di que debemos respectar os tratados internacionais ratificados, como é o caso da Carta Social Europea, está faise vinculante, o que nos obriga a modificar a lexislación xa para adaptala.

Europa dinos que, para que unha indemnización por despedimento improcedente cumpra debe, en primeiro termo, suplir a perda financeira dende que se denuncia o feito ata a resolución, é dicir, os salarios de tramitación; e prever a posibilidade de readmisión e, se isto non é posible, a indemnización debe ser disuasoria e resarcir á vítima dos danos causados.

Luján insistiu en que “non é admisible que en España o mercado laboral teña o despedimento a saldo”.

Demandou respecto cos tratados internacionais e cos dereitos humanos, o que obriga a modificar a lexislación xa, para o que urxe abrir os cauces necesarios xa no marco do diálogo social. Se non se modifica a Lei e se unifican criterios, serán os xuíces os que, caso por caso, teñan que sentenciar aplicando o que Europa nos di. Afirmou que isto xa o están a facer, de feito, explicou tres sentenzas recentes de tribunais superiores de xustiza de diferentes ámbitos territoriais nas que as diferenzas entre as indemnización que lles corresponderían aos traballadores aplicando a lexislación española actual e as que lles corresponderían tendo en conta o fallo europeo son moi elevadas. Por exemplo, o TSJ do País Vasco, nunha sentenza do 23 de abril de 2024, condena a un Concello a indemnizar a un traballador con 30.000 euros, cando coa lexislación actual española serían 493,49; outra sentenza do TSJ de Cataluña, condena a Correos a indemnizar a un traballador con 20.762 euros, coa lexislación actual serían 823; e outra tamén do TSJ de Cataluña, dos pouco máis de 3.000 euros que lle correspondería ao demandante coa lexislación actual, o Tribunal impuxo unha indemnización, segundo ao que obriga Europa, de case 47.000 euros.

Luján concluíu que, “se non queremos ir xulgado a xulgado, o máis respectuoso coa Lei, cos compromisos internacionais e coa cidadanía, é afrontalo no marco do diálogo social para traballar por un cambio lexislativo”.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario