O concello inicia a contratación da execución do proxecto de mellora do Sendeiro de Saldoiro de Caión

por Redacción A Coruña

Renovarase o pavimento e o borde de madeira nun tramo de 700 metros de distancia.

O Concello vén de iniciar o procedemento de contratación da execución do proxecto de renovación e mellora do Sendeiro de Saldoiro de Caión. A actuación afectará ao último tramo construído, o que vai desde o acceso principal á praia das Salseiras ata o arroio Figueirido en dirección ao límite co municipio de Carballo.

Ese sector do paseo marítimo caionés bordea o litoral sobre os cantís ao longo de 700 metros de distancia nun espazo protexido polo seu alto valor ambiental ao estar incluído tanto na Rede Natura 2000 como dentro da delimitación ZEC (Zona de Especial Conservación) Costa da Morte.

No momento actual o pavimento e os bordes de madeira presentan as deterioracións propias do paso do tempo. A intervención proxectada conservará en xeral as características construtivas e formais do sendeiro, pero resolverá as irregularidades no solo e reporá os elementos necesarios para conter o crecemento da vexetación pola zona de tránsito peonil cunha solución axeitada e respectuosa co entorno.

O orzamento do proxecto supera os 28.000 euros, e será financiado coa achega concedida pola Xunta de Galicia ao abeiro da convocatoria de axudas para estudos e investimentos vinculados á conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural e á sensibilización ecolóxica na Rede Natura 2000 de Galicia, cofinanciado co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia.

Cabe lembrar que, paralelamente a este actuación, o Concello tamén está a renovar os elementos de seguridade do tramo do paseo marítimo que discorre entre a praza Eduardo Vila Fano e o acceso principal á praia. Despois do verán comezará a executarse a segunda fase.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario