Javier Castiñeira recorda que é a Xunta de Galicia a administración que financia ao 100% estas obras o que evidencia “o gran compromiso do goberno galego” cos veciños de Foz para solucionar os graves problemas de saneamento do municipio, incluídos vertidos á ría
Os concelleiros do PP de Foz celebran o bo ritmo das obras da nova depuradora do municipio, con tres frontes de obra abertos o que permite que se avance de forma notoria.
O voceiro popular Javier Castiñeira explica estes tres frontes de traballo:
- O primeiro, a propia depuradora na Granda de Forxán, onde os traballos das estruturas dos decantadores van a moi bo ritmo.
- En segundo lugar, a obra do pozo de tormentas, no porto de Foz, que está xa na fase de cimentación.
- En terceiro lugar, as canalizacións, unhas obras complexas das que xa se fixeron unha parte importante entre Foz e Forxán.
Neste senso, os concelleiros populares amósanse “moi contentos” e explican que nestes traballos vese “o firme compromiso” da Xunta de Galicia con Foz e os seus veciños, con máis de 12M€ para financiar unha nova depuradora, “moi necesaria xa que a antiga estaba a crear moitos problemas”.
Javier Castiñeira lamenta que, pola contra, a Deputación de Lugo non participa nestes servizos, a pesar de que o alcalde de Foz tamén é deputado provincial: “tivo ante si unha oportunidade moi importante para aproveitar fondos da Deputación para mellorar o abastecemento de Foz, que hai un ano provocou múltiples problemas, aos que unicamente se puxeron parches, pero non fixo”, ao que engadiu que “as únicas propostas do señor Cajoto para mellorar o abastecemento pasan porque as paguen os veciños con subas de taxas”.
O voceiro popular ve como hai “dúas formas de facer política moi diferentes”. “Está a forma de traballar do PP, buscando financiamento noutras administracións para poder custear novos investimentos; e a do PSOE, que fai o contrario para que paguen os veciños”, explicou.
Ante esta situación, dende o PP de Foz esixen a PSOE e BNG que busquen outro modelo de xestión. “Pidan a colaboración da Deputación, que o pode facer perfectamente”, rematou.