A voceira nacionalista, Mercé Barrientos, advirte que “hai unha semana accidentouse alí un viandante e tememos que poidan producirse máis danos”
O BNG de Muxía vén reclamando ao longo deste mandato ao goberno municipal unha maior atención ao mantemento e reparacións das rúas e vías do pobo, e denuncia “o estado no que se atopa o calexo entre as rúas Real e Eduardo Pondal, na que foi aberto un furado para facer unha comprobación das conducións de auga, e que leva meses sen tapar e sen repoñer o firme”
Os nacionalistas muxiáns explicaron que a veciñanza trasladou hai tempo o problema ao alcalde para que adoptara medidas e ordenara que se finalizara a obra e se repuxese o firme. “Hai unha semana accidentouse alí un viandante e tememos que poidan producirse máis danos”, afirmou a voceira do BNG, Mercé Barrientos, que ademais sinalou que “ante a falta de actuacións, os veciños están cubrindo provisionalmente o buraco con tellas para evitar accidentes, mais explican que o estado da rúa fai perigoso transitar por ela, xa que no medio hai unha fochanca que supera o metro de fondo”.
Barrientos instou ao goberno liderado por Santiago Toba “a ser dilixente e non deixar a medias os traballos de reparación ou mantemento das rúas, porque as consecuencias negativas repercuten na veciñanza e, en ocasións, nas arcas municipais”. A concelleira nacionalista destacou que “o desleixo e falta de dilixencia do executivo local veñen sendo unha constante neste mandato, e unha boa parte da veciñanza traslada as queixas ao BNG de Muxía porque o equipo de goberno non dá solución aos problemas”.
Segundo requerimento da Valedora do Pobo
Alén, desde o BNG tamén lembraron que a negativa do alcalde a facilitarlle diversa documentación vén de provocar que a Valedora do Pobo enviara un segundo requirimento de información ao alcalde, “lembrándolle expresamente que tal envío resulta unha obriga legal, segundo o artigo 22 da Lei do Valedor do Pobo”. As informacións solicitadas polos nacionalistas son as relativas ao pago de indemnizacións por danos persoais ou patrimoniais polo estado das vías, ademais das multas abonadas a Augas de Galicia neste mandato polo mal funcionamento do saneamento.