A UDC capta máis de 8 M€ para grupos, unidades de investigación e transferencia de coñecemento

por Redacción A Coruña

Os fondos proceden de dúas convocatorias de axudas, a de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas da Xunta de Galicia, nas súas tres modalidades – GRC, GPC e persoal investigador con traxectoria excelente- e a dirixida a proxectos de xeración do coñecemento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades

Os centros e unidades de investigación da UDC, así como persoal investigador con traxectoria excelente, acaban de acadar unha captación de máis de 8 millóns de euros para proxectos de investigación e transferencia e de xeración de coñecemento e consolidación de estruturas. Así se desprende da resolución de dúas convocatorias de axudas dirixidas a este tipo de actividade. 

Por unha banda, na convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas e outras accións de fomento no Sistema Universitario de Galicia (SUG), realizada pola Xunta de Galicia, a UDC obtivo 4,2 millóns de euros para 2024. 

Esta liña de subvencións financia estruturalmente a grupos de investigación que se dividen en tres categorías: grupos de referencia competitiva, grupos con potencial crecemento e persoal investigador con traxectoria excelente. Dependendo de publicacións, patentes, teses dirixidas e proxectos acadados nos tres últimos anos; así como do prestixio acumulado, os diferentes grupos optaron a unha destas estas categorías con apoios económicos establecidos de entre 90.000 e 400.000 euros.

Así, na modalidade de maior prestixio a de Grupos de Referencia Competitiva (GRC), un total de 8 grupos, un máis que na convocatoria anterior, obtiveron 2,4 millóns de euros. Tres dos grupos pertencen ao Centro de investigación en tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC): LYS (Lingüística), MODES (Estatística e Investigación Operativa), e GTEC (Teoría do Sinal e Comunicación); un ao Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), EXPRELA (Bioquímica e Bioloxía Molecular); e GDC (Economía Aplicada), ao centro ECOBAS; mentres os outros tres non están adscritos a ningún centro de investigación, senón a facultades. No caso de VARPA (Ciencia Computacional e Intelixencia Artificial) á de Informática; Dereito Público Global á de Dereito e a novidade deste ano, GET, da Facultade de Socioloxía. 

Polo que respecta a Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), a UDC pasou de 5 na convocatoria anterior a 9 na actual. Son os grupos GRICA (Palentoloxía), BIOCOST (Ecoloxía) e GIBE (Xenética), adscritos ao CICA; TELEMATICA (Enxeñaría Telemática) e LIA2 (Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial), do CITIC; e CULXEO (Palentoloxía), do CISPAC. Mentres que os outros tres grupos están vencellados a facultades. É o caso de ECD, de Dereito; GIACE (Métodos de Investigación e Diagnose en Educación) e ARTE-FACTO (Didáctica da Expresión Plástica), da Facultade de Ciencias da Educación. 

Por último, na categoría de persoal investigador excelente, houbo nove subvencións por un total de 835.000 euros. 

28 Proxectos de coñecemento 

No que respecta aos proxectos de xeración de coñecemento e actuacións para a formación de persoal investigador predoutoral asociadas a ditos proxectos convocados polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, obtivéronse 3,9 millóns de euros vencellados a 28 proxectos (16 en centros de investigación da UDC e 12 para iniciativas de grupos non pertencentes a centros).

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario