O polígono eólico Valdepereira, suspendido cautelarmente polo TSXG a instancias de @ADEGA

por 21 Noticias

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acolle a pretensión de ADEGA de paralización cautelar do proxecto eólico Valdepereira, promovido por Aerogeneración Galicia S.L. nos concellos de Lalín e O Irixo. A resolución do Auto xudicial deixa suspendida a executividade da resolución pola que se autoriza o proxecto eólico Valdepereira, do mesmo xeito que xa fixera hai meses con outro parque eólico, Pico Seco, da mesma promotora e nos mesmos concellos. 

O P.E. Valdepereira estaría conformado por 6 aeroxeradores de 180 metros de altura cunha potencia total de 24 MW, unha subestación, 6 centros de transformación e unha torre meteorolóxica e estaría situado no centro de Galiza, a carón da Serra do Candán. A liña de evacuación, obxecto doutro expediente, estaría compartida con outros parques da mesma empresa promotora, como é o caso de Pico Seco, tamén paralizado cautelarmente polo TSXG a instancias de ADEGA. 

O Alto Tribunal considera suficientes os indicios achegados pola asociación ecoloxista ADEGA como proba de que se poderían producir danos irreparábeis sobre o medio ambiente, ben preferente, como consecuencia das obras do polígono eólico Valdepereira, de xeito que a única mandeira de asegurar a efectividade da sentenza que se derive do recurso contencioso-administrativo presentado por ADEGA contra a autorización do proxecto, será suspendendo a execución do acto administrativo.

Afeccións á avifauna protexida e á Rede Natura

En concreto, o TSXG sinala a afección severa, irreparábel ou de difícil reparación, que as obras deste parque eólico poderían exercer sobre determinadas especies de avifauna que están en situación de vulnerabilidade (gatafornela ou a tartaraña cicenta) ou “Perigo de Extinción” (millafre real), sobre hábitats protexidos e polas proximidade das infraestruturas industriais á Rede Natura e á súa zona de ampliación. A Sala lembra que este tribunal xa ten chamado a atención sobre “o carácter unitario e continuo da paisaxe, como sobre a continuidade dos hábitats, e a necesidade de contemplar estas circunstancias en sede cautelar”. No caso presente, dous dos aeroxeradores atoparíanse a un escaso quilómetro da delimitación do espazo natural protexido como Rede Natura.

Prevaleza do interese ambiental sobre o económico

O Auto de paralización cautelar do parque eólico Valdepereira, emitido o pasado 9 de xullo polo TSXG, que acolle a pretensión de ADEGA, achega unha reflexión sobre a ponderación de intereses en sede cautelar, fundamentada en argumentos esgrimidos polo propio Tribunal Constitucional, que di que en materia de suspensión cautelar a salvagarda do interese ecolóxico merece a condición de interese preferente. Advirte o TSXG sobre as consecuencias que a execución do parque eólico podería traer para as arcas públicas se este se sentenciase finalmente ilegal: “podería chegar a implicar o deber de demolición (a custa da administración autorizante) e o de indemnización ao promotor que construíu de boa fe amparado en título administrativo”. 

suposto de fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico conformado polas infraestruturas dos proxectos Pico Seco e Valdepereira, alegado pola asociación ecoloxista ADEGA, non foi valorado polo TSXG en sede cautelar por estar ligado aos fondo do asunto, o cal se terá que dirimir no procedemento do recurso contencioso-administrativo.

Puidemos paralos!

ADEGA parabeniza a todas aquelas persoas, colectivos e plataformas que fixeron posible, a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos (https://tipodesparalos.helpbysc.com/valdepereira) que se puidese interpoñer no TSXG o recurso contencioso-administrativo contra o proxecto eólico Valdepereira, con especial mención a Viarum Dezae e Roteiros de Lalín. 

Con este xa son 15 os autos de suspensión cautelar de proxectos eólicos emitidos polo TSXG a instancias de ADEGA. 

Grazas á campaña “Ti podes paralos!”, ADEGA foi capaz de recorrer en vía contencioso-administrativa máis de 30 proxectos eólicos aprobados pola Xunta de Galicia o ano pasado.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario