Os socialistas de Malpica consideran que “Alfredo Cañizo non pode seguir nin un día máis no concello, ten que dimitir e, se non dimite, tería que cesalo o alcalde ou dimitir o propio alcalde”.
“Xa son moitos e moi variados os enfrontamentos e encontronazos con distintos colectivos sociais, económicos e culturais de Malpica”, sostén o portavoz do PSOE, Walter Pardo.
Pardo lembra os problemas coas tres asociacións culturais do concello (Malante, Carcaxía e Raigañas), que por non ir ao irmandamento con Malpica de Tajo, nos dous últimos anos non foron invitados á Festa Galega; con Olería de Buño, ou coa comisión de festas Mallas de Área, que non organizará este ano a Festa do Mar.
“Chove sobre mollado e o alcalde, que é o que ten as competencias, non fai nada e mira para outro lado, consentindo”, lamenta o PSOE, que fai referencia ademais “aos 1.800.000 euros en facturas sen pagar que acumula o concello”.
“Nós xa sufrimos a este señor no goberno e parámoslle os pes, o que nos costou unha moción de censura do PP con él; uns defendimos os intereses dos veciños e veciñas de Malpica e o pagamos cunha moción de censura, mentres que o PP prefire tragar, consentir e permitir”, apunta Pardo.
«O aalcalde debería de dimitir por consentir o comportamento deste concelleiro e antepoñendo o pacto de goberno con Cañizo antes que o colectivo oleiro, o colectivo cultural e agora a comisión de festas. Esta xente merece o máximo respecto, dedican o seu tempo libre a facer unha Malpica máis cultural, tradicional e festiva», remata Pardo.