Os mellores oleiros da península expoñen e venden as súas pezas ata o domingo no parque Luís Seoane

por 21 Noticias

O parque Luís Seoane de Santa Cruz acolleu a inauguración da XXX edición de Alfaroleiros. O acto contou coa participación de decenas de persoas, así como da presenza do alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, e do vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira.

Durante a súa intervención o alcalde sinalou que a feira de olería é a máis importante do Estado e que “son 30 anos de convertendo este parque nun lugar de visita obrigada no mes de agosto”. “Aquí hai historia, hai cultura e hai comercio”, destacou.

O vicepresidente provincial Xosé Regueira Cando destacou a importancia patrimonial da olería. “Non falamos só dun oficio, é moito máis que iso, e niso está involucrado o Concello de Oleiros con esta feira”, dixo. A concelleira de Cultura María José Santos agradeceu o traballo dos oleiros e oleiras en prol da tradición e a conservación e pureza das formas.

A feira rematará o domingo 11 de agosto. Ata ese día os 26 oleiros que participan nesta feira expoñerán e venderán as súas pezas en horario de 10:00 a 22:00 horas. Tamén haberá numerosas actividades culturais e de ocio, dirixidas a todos os públicos. Para hoxe mércores está programado ás 21:00 horas o concerto de Caamaño & Ameixeiras no Parque Luís Seoane; e para mañá xoves un espectáculo de maxia e música de rock a cargo do Mago Teto, ás 20 horas, e os monólogos Sen Restriccións, a cargo de Ledicia Sola, Carmen Méndez e Marta Doviro, ás 21:30.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario