Actualmente estanse a levar a cabo os traballos de formigonado de alta densidade dos búnkeres
A Xunta avanza na construción do Centro de Protonterapia de Galicia, no que inviste preto de 20 millóns de euros e cuxas obras acadan xa o 15% de execución. Actualmente estanse a levar a cabo os traballos de formigonado dos búnkeres como parte da blindaxe debido á alta densidade do formigón.
Segundo o calendario previsto, a finalización da parte de edificación convencional e instalacións auxiliares desenvolverase entre o verán de 2024 e abril do 2025 e irá completando os seus avances para que o novo equipamento sanitario estea concluído e en funcionamento en 2026.
O proxecto do Centro de Protonterapia de Galicia é un dos maiores fitos en medicina oncolóxica impulsado polo Goberno galego e é o que se atopa nun estado máis avanzando dos nove proxectos do Sistema Nacional de Saúde en España.
Isto sitúa a Galicia como líder autonómica na loita contra o cancro grazas a tratamentos de vangarda, converténdoa na primeira comunidade autónoma cun centro público destas características e a primeira que tratará no sistema sanitario público pacientes con esta terapia.
Edificio sostible e expansible
O Centro de Protonterapia de Galicia constrúese ao carón do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, está integrado de maneira sostible na contorna natural e conectado co complexo hospitalario.
O novo equipamento sanitario iniciouse a comezos do mes de abril e está a ser executado pola empresa Copasa, en colaboración coa provedora de equipamento de alta especialización Ion Beam Applications (IBA), un dos grupos de referencia mundial en terapia de protóns para o tratamento do cancro.
No proxecto prevense empregar 4.000 metros cúbicos de formigón de alta densidade, o que equivale a unhas 500 formigoneiras. Realízase aplicando a metodoloxía “BIM” (Building Information Modeling), que garante melloras na coordinación do deseño e minimiza interferencias entre os diferentes sistemas e a estrutura. Ademais, ofrece vantaxes na planificación e seguimento das obras durante todo o proceso.
Entre as funcionalidades do novo centro destaca a dobre orientación asistencial, con tratamentos de vangarda en protonterapia; e científica, cunha actividade investigadora de alto nivel e colaboracións con universidades, empresas e centros internacionais.
O Centro de Protonterapia de Galicia conta cunha superficie útil de máis de 3.700 m2, nunha superficie total construída de máis de 5.600. Destaca por ser unha instalación expansible, con capacidade escalable para tratamentos de ata 250 pacientes/ano por sala, con dobre búnker, ampliable a un terceiro.
Cambio de paradigma na medicina de precisión en terapia oncolóxica
Coa entrada en funcionamento do Centro de Protonterapia de Galicia beneficiaranse desta terapia os pacientes do Servizo Galego de Saúde, pero tamén prestará servizo aos pacientes de Asturias e de Castela e León. Atenderá especialmente as necesidades médicas daqueles pacientes oncolóxicos con longa supervivencia, sobre todo na poboación infantil.
A protonterapia é unha modalidade especial de radioterapia que emprega un feixe de protóns que permiten unha maior precisión ao impartir a dose de radiación, diminuíndo os efectos adversos en tecidos e órganos sans que rodean o tumor.