O alcalde de Oleiros destaca a constante loita pola igualdade de Fidel Castro no acto polos 98 anos do seu nacemento

por 21 Noticias

. O alcalde, Ángel García Seoane, participou no acto de conmemoración dos 98 anos do nacemento de Fidel Castro Ruz, comandante e xefe da revolución cubana e concelleiro honorífico do Concello de Oleiros. O encontro tivo lugar en Láncara, na casa na que naceu o pai de Fidel, e contou coa participación do Embaixador da República de Cuba, Marcelino Medina,  o presidente da Asociación Amistad Láncara-Cuba, Antonio Sobrado, e moitas outras personalidades políticas.

Durante a súa intervención, o alcalde gabou a figura do líder da revolución cubana. “Máis alá das miñas moitas experiencias persoais con Fidel, todos sabemos que se trata dunha das máis destacadas figuras políticas e humanas do século XX. A súa perspectiva humana, solidaria, cun alto sentido da xustiza con maiúsculas, esa loita sen cuartel pola igualdade das persoas, por crear un mundo no que todos poidamos vivir con dignidade, marcou sempre a actitude política e persoal de Fidel”.

Tamén fixo referencia á intensa cooperación e solidariedade con Cuba impulsada desde inicios da década dos 80. “Desde Oleiros, esta trincheira revolucionaria de Europa en defensa do valente pobo cubano, participamos en todas as frontes: mobilizamos alcaldías, impulsamos ongs, enviamos medicinas, autobuses, material escolar… buscamos empresarios que investisen no desenvolvemento do turismo, fomentamos a cultura cubana, a súa música, financiamos intercambios coa Universidade, promovimos visitas turístico-políticas durante varios anos, editamos en galego facendo proselitismo “La historia me absolverá” e “Martí, palabra de liberdade” que se divulgou en todos os colexios públicos de Galicia”, explicou.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario