Os senadores lucenses urxen ao Ministerio a instalar, sen máis retrasos, os sistemas antinéboa que foron testados
As explicacións dadas polo Goberno en relación coa seguridade no tramo do Fiouco lonxe de resolver dúbidas e ofrecer tranquilidade aos condutores que circulan por ese punto da autovía do Cantábrico (A-8) “déixanos máis preocupados”. Así o aseguran os senadores populares que insisten na necesidade de que o Goberno instale sen máis retraso os novos sistemas antinéboa que xa foron testados.
Afondando nesta idea desde o PP sinalan que o feito de que o Goberno alegue que os últimos accidentes acontecidos tiveron lugar fóra do tramo balizado -isto é, fóra do tramo no que están instaladas as balizas que avisan aos usuarios da proximidade de vehículos para manter a distancia- demostra que as zonas de intensa néboa superan o tramo balizado e, polo tanto, que agora a zona de perigo é moito maior. Por iso, desde o PP conclúen que as medidas instaladas na actualidade son manifestamente insuficientes para garantir a seguridade.
Para o PP tampouco supón un gran alivio o feito de que se reducise de xeito significativo o número de horas de peche da autovía pois sinalan que como demostra os últimos accidentes rexistrados -que segundo a Dirección Xeral de Tráfico afectou a seis e tres vehículos, con feridos graves e leves- o perigo por circular por ese tramo da A-8 persiste, sen que o Goberno faga nada”
Sobre todas estas cuestións terá que responder o Goberno no Senado a instancias dos parlamentarios lucenses, José Manuel Balseiro, José Manuel Barreiro e Juan Serrano.