Lara Méndez esíxelle ao Goberno galego que sinale obxectivos e trace liñas de actuación para acadar unha xestión sostible do sector a longo prazo, que permita maximizar os beneficios para a poboación local e minimizar os impactos negativos
A portavoz de turismo do Grupo Parlamentario Socialista, Lara Méndez, sinalou hoxe a necesidade de que Galicia conte cun plan turístico integral que faga posible unha xestión sostible do sector a longo prazo. A deputada lucense vén de rexistrar unha batería de iniciativas na Cámara autonómica a través das que lle reclama á Xunta unha planificación “ben estruturada” co obxectivo de atraer á comunidade beneficios económicos, pero tamén de compatibilizar o desfrute das persoas que visitan Galicia cunha mellora da calidade de vida das galegas e dos galegos.
Méndez recordou que a pandemia marcou “un punto de inflexión” nos modelos de consumo, tamén no relativo ás viaxes de lecer, con cambios que pasaron de ser conxunturais a converterse en estruturais ao longo dos últimos anos. A preocupación cada vez maior dos turistas polo entorno e o incremento dos desprazamentos de proximidade son novos parámetros que, subliñou a parlamentaria do PSdeG, deben terse en conta á hora de deseñar as políticas públicas no que se refire a un sector estratéxico para a economía galega. De feito, o seu peso tanto no PIB coma no emprego sitúase xa no 11 %, un dato que, ademais, “vai en alza”.
Por ese motivo, o turismo débese ter en conta como un factor clave no desenvolvemento económico de Galicia e incluso “se pode consolidar como un dos principais motores de crecemento” da comunidade. Indicadores como que o 65 % dos turistas prefiren consumir produtos locais durante as vacacións, que o 70 % dos españois aseguran que viaxan máis por España que antes da pandemia ou que o 33 % prefiren facelo pola súa propia comunidade autónoma “débense ter en conta á hora de planificar o desenvolvemento futuro dos recursos”.
Segundo Lara Méndez, eses cambios nos patróns de consumo invitan a reordenar os esforzos da Administración autonómica en materia turística. “O Camiño de Santiago é un gran motor económico, pero a Xunta non pode centrar nel todos os seus esforzos”, dixo para enumerar a variedade de posibilidades que ofrece Galicia, dende o turismo de natureza ata o cultural, pasando polo gastronómico, o enolóxico, o deportivo ou, tamén, o de sol e praia. “Galicia necesita unha planificación turística que teña en conta a súa estrutura económica, social, cultural, natural e humana”, resumiu.
A deputada do PSdeG cualificou de “imprescindible” contar cun plan turístico que aborde de xeito integral o desenvolvemento do sector, xa que “non pode haber un crecemento sostible sen fixar obxectivos e trazar liñas de actuación”, como tampouco sen identificar e priorizar produtos, servizos e destinos turísticos chave.
Ademais, apuntou, esa planificación “debe estar coordinada cos diferentes axentes turísticos, co sector privado e coa sociedade civil”, a fin de “maximizar os beneficios para a poboación local ao tempo que se minimizan os impactos negativos”.