A porcentaxe de reserva total do concello determinaraa anualmente o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con base nos inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galicia
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución das porcentaxes de reserva de solo para vivenda protexida correspondentes ao ano 2024.
A porcentaxe de reserva total do concello determinaraa anualmente o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con base nos inscritos no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da comunidade autónoma. Esta resolución que determine esta porcentaxe será publicada no Diario Oficial de Galicia.
Segundo a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do Solo de Galicia, os Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOM) deberán prever unhas reservas de solo para a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública que, como mínimo, comprenderán os terreos necesarios para realizar o 30 % da edificabilidade residencial prevista pola ordenación urbanística no solo urbanizable e no solo urbano non consolidado regulado na citada lei.
Esta proporción será do 10 % no suposto do solo urbano non consolidado regulado no artigo 17.b).2. da lei e no caso do solo urbano non consolidado regulado no artigo 17.b).3, non será obrigatoria unha reserva para vivenda suxeita a algún réxime de protección.
Cómpre lembrar que estarán exentos das reservas de solo reguladas os concellos con menos de 5.000 habitantes inscritos no padrón municipal no momento da aprobación inicial do plan xeral, cando este non conteña previsión para novos desenvolvementos urbanísticos en solos clasificados como urbanos non consolidados e urbanizables que na totalidade do municipio superen as 300 vivendas.
Neste enlace ao DOG poden consultarse as porcentaxes de reserva de solo para vivendas protexidas por concellos de máis de 5.000 habitantes.