Mariña Gueimunde: «Só hai que ver o programa de festas onde non se reflicte nin a tradicional subida ao monte San Roque, a sardiñada das Nogueiras ou os fogos artificiais -que logo rectificaron- para constatar ata onde chegan a vagancia e pasotismo de María Loureiro e Míriam Bermúdez, a pesar das súas dúas cuantiosas dedicacións exclusivas»
O PP de Viveiro amosa a súa “indignación, na liña de toda a cidadanía, co nivel de deixadez e abandono na que está sumido o bipartito PSOE-BNG, que ten un novo e clarificador reflexo no programa das festas patronais”. Os populares sinalan que “se ve que se fixo ás presas e correndo, buscando o que fora para facer vulto e deixando fóra o máis tradicional e significativo como é a secular subida ao Monte San Roque”.
A voceira popular, Mariña Gueimunde, recalca que “a implicación desinteresada dos grupos locais para engrosar o programa das festas e colaborar co Concello nun momento especialmente delicado por mor do despilfarro do goberno local en exercicios anteriores”. Pero isto contrasta “coa resposta do goberno municipal que é solapar os actos e facer contraprogramacións incluso nun mesmo espazo -como ocorreu na praza de Pastor Díaz-, trasladando unha imaxe de desorganización e falta de respecto da que non damos crédito. Isto demostra o declive sen límite dun goberno municipal con dúas cuantiosas dedicacións exclusivas onde parece que todo lles da igual. O pasotismo é total”, segundo considera a portavoz.
“Os veciños coñecemos o programa a última hora a través das redes sociais do Concello e, aínda por riba, está incompleto”. Gueimunde sinala “omisións importantes coma a da tradicional subida ao monte San Roque, copatrón da nosa cidade e día grande de Viveiro. Tampouco haberá a sardiñada das Nogueiras. E improvisan e rectifican a golpe de segundo en función das protestas veciñais: agora non hai fogos artificiais e agora si. Non respectan os horarios e xeran confusión entre veciños, turistas e os propios protagonistas dos eventos. Todo un despropósito difícil de describir que nos deixa de novo á cola non só da provincia senón de Galicia”, lamenta a popular.
Mariña Gueimunde non dubida que a ocorrencia da alcaldesa de dicir que o Concello non pode organizar as festas cando conta con máis persoal e medios que nunca, se debe única e exclusivamente á obsesión do BNG coa independencia. O bipartito funciona como dous gobernos independentes, divididos, non son un equipo para xestionar nin as festas nin nada”.
Así mesmo engade: “Estas coalicións de perdedores son nefastas para o interese dos cidadáns porque Loureiro e Bermúdez van única e exclusivamente ao seu. Máis de 20 anos organizando as festas o Concello e agora non queren traballar nin unha, nin outra. Se non queren, non saben ou non poden, que deixen paso a quen si quere traballar para os veciños e se compromete a organizar unhas festas patronais á altura do que demanda o terceiro municipio da provincia”.
A voceira do PP de Viveiro pregúntase como se ten chegado a esta situación de deixadez tan lamentable chegando incluso a levantar das sillas a quen disfrutaba dos actos na praza Maior coa escusa de que logo terían que facer horas extras os empregados do Concello, “unha falta de respecto sen precedentes aos cidadáns e sobre todo ás persoas de idade que ocupaban os seus asentos”.
E conclúe: “María Loureiro só pon escusas a un desastre tras outro despois de máis de 20 anos de xestión penosa e Míriam Bermúdez actúa como se non fora con ela e despreocúpase de todo o que non sexa a súa parceliña de poder”.