Grande éxito do Viñetas desde o Atlántico, con aumento de vendas, gran afluencia de público e novos espazos

por Redacción A Coruña

A actividade do festival continuará o resto do mes coas exposicións monográficas e a partir de setembro co Viñetas Inclusivas e Viñetas desde a Escola.

Este domingo, 18 de agosto, pechou con éxito as súas portas a 27ª edición de Viñetas desde o Atlántico, o Salón Internacional do Cómic da Coruña. Do 12 ao 18 de agosto, A Coruña converteuse un ano máis en punto de encontro para amantes da banda deseñada, cun total de 18 exposicións, máis de 100 sesións de sinaturas, a mostra dos traballos de máis de 40 autoras e autores galegos e máis de 30 actividades na Rúa da BD, que contou cun total de 36 expositores, entre eles, por primeira vez, un de Portugal, a editora Chili Com Carne. Precisamente, nesta renovada Rúa da BD sucedéronse as filas de amantes do cómic para facerse durante todo o festival coas firmas de figuras da talla de Artur Laperla, Paula Cheshire, Miguel Robledo, Bea Lema, Martín Romero, Fran Jaraba, Jordi Bayarri, Emma Ríos e David Rubín, entre moitas outras. 

As exposicións monográficas dedicadas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos continúan abertas ao público e podense visitar ata o vindeiro 30 de setembro. A actividade do festival continuará tamén ao longo do mes de setembro, cando terán lugar as actividades de Viñetas Inclusivas para colectivos desfavorecidos, mentres que, no Kiosco Alfonso, ata o mes de xaneiro de 2025, desenvolveranse novos fitos de Viñetas desde a Escola.

O coidado das propostas expositivas e o respecto aos creadores foron o fío condutor desta nova edición do encontro. Un encontro máis plural e que deu boa conta do interese que o universo da BD xera na actualidade entre os diferentes públicos. Coa fin de renovar o festival e adaptalo aos tempos que corren, facendo gala da actual convivencia entre o analóxico e o dixital, a dirección do festival traballou co ollo posto na calidade, a responsabilidade e o coidado de todos os axentes implicados no evento (artistas, públicos, expositores, libreiros, editoras…). 

A alcaldesa, Inés Rey, destacou a satisfacción do seu Goberno municipal coa «renovación integral» dun dos grandes clásicos das Festas de María Pita. «Tomamos o camiño correcto ao darlle un novo enfoque á cita e buscar un Viñetas diferente e diverso, con actividades para todo tipo de públicos», indicou a rexedora, que celebrou a gran acollida de todos os actos celebrados na última semana.

Viñetas abriuse, tamén, á relación con outros sectores creativos como a música, o cinema, a gastronomía e as artes escénicas. Desde a organización queren remarcar que «se seguirá a traballar mirando xa con optimismo cara unha nova edición en 2025, co obxectivo de seguir a darlle pulo ao encontro, para que Viñetas sexa, de novo, ese lugar onde todas e todos queiramos estar, como unha clara aposta por unha banda deseñada creativa, inclusiva e sen fronteiras».

Manel Cráneo, director de Viñetas desde o Atlántico, declarou: «o balance é moi bo e de agradecemento. Onte pechamos o Viñetas 2024 cun gran éxito. Acadamos novos públicos e hai un dato moi interesante, que os libreiros e editores destacaron en torno a sección comercial de Viñetas: mantívose o nivel de facturación pese ao cambio de datas do encontro. Na Rúa da BD cabe destacar, tamén, outro fito, que foi a renovación das casetas, para favorecer a estancia e o traballo dos expositores».

Un dos momentos máis emotivos do festival este ano foi a inauguración da figura  de Gaspariño dedicada a un autor galego, Xaquín Marín. Houbo un volume de actividades con cifras récord de firmas de autores e autoras, que xeraron un grande interese. «A aceptación do novo modelo de encontro por seccións de interese tivo unha moi boa acollida. É importante destacar a afluencia de público infantil, cunha ampla oferta de actividades para el. É un gusto ver moita rapazada no Viñetas, porque enganchar ás novas xeracións é fundamental. Non esquezamos, tampouco, o Viñetas Ñam!, que tivo moi boa saída, segundo destacaron os locais que se sumaron á iniciativa. Nesta liña, queremos agradecer aos axentes implicados nas actividades paralelas do festival. Desde a organización, esperamos seguir traballando para involucrar á cidade no Viñetas, impregnar á cidade de público e chegar a novos públicos», dixo Manel Cráneo.

Éxito de vendas e visitantes nunha renovada Rúa da BD

As boas vendas, a gran afluencia de visitantes e a apertura a novos públicos que este ano visitaron a Rúa da BD foron algúns dos aspectos destacados polos expositores presentes en Viñetas 2024. O éxito desta renovada Rúa da BD é unha mostra máis da boa saúde do sector e do interese que os títulos e autores de BD xeran na actualidade. Preto de 2.000 persoas asistiron as sesións de sinaturas cos más de 100 autores e autoras que visitaron Viñetas ara presentar os seus títulos, e as actividades programadas de pequeno e mediado formato -no marco de Viñetas Mini e Viñetas Pro- completaron todos os cupos dispoñibles.  

En paralelo, a sección Viñetas Show reuniu no Teatro Colón un total de 2.000 persoas, tanto nas entrevistas dos ‘Viñetas Late Night’ como nas proxeccións de cinema ou na inauguración da figura a tamaño real de Gaspariño, de Xaquín Marín, outro dos grandes fitos deste Viñetas 2024.

Segundo os datos emitidos por The Wizard Game, responsable dos xogos infantís de Piratix e SuperThings instalados nos Xardíns de Méndez Núñez durante este Viñetas 2024, un total de 2.750 nenos e nenas visitaron a súa zona recreativa.

Desde a libraría coruñesa Galgo Azul, presente na Rúa da BD neste 2024 por primeira vez, destacaron: «Esta era a nosa primeira experiencia en Viñetas e, en comparación con outras feiras que visitamos, aquí nótase moito coidado, moito cariño e moito esforzo. Percibimos unha aceptación moi boa por parte do público. Houbo moita xente que se achegou este ano que outros anos non viña a Viñetas. Visualmente, está todo moi coidado e as casetas renovadas axudaron a chamar a atención do público. Pola nosa banda, detectamos moito interese polo cómic infantil e xuvenil, e está moi ben, porque é a maneira de xerar novos lectores. A xente viña buscando a curiosidade, as cousas singulares: para iso, saben que poden achegarse a Viñetas. Sentimos moi bo ambiente entre o público, os expositores e o equipo do festival. Estamos moi contentos coa experiencia».  

Pola súa banda, desde a libraría Komic, Pío Barreiro, todo un decano de Viñetas, presente na feira desde a súa primeira edición, engadiu que «notouse un gran cambio este ano, e todo para mellor. As vendas mantivéronse e as firmas foron, de novo, un grande reclamo para o público». «Sentimos que reforzouse a venda pola calidade das exposicións dos autores convidados». 

Publicación Viñetas BD

Outra das novidades de Viñetas desde o Atlántico 2024 foi a publicación de Viñetas BD. Trátase dun novo concepto dentro do festival, que se afasta do catálogo tradicional para ofrecer un formato máis próximo á revista. A finalidade deste novo formato é crear un espazo creativo para os artistas convidados e ofrecerlles aos visitantes unhas lecturas exclusivas que acheguen valor engadido aos contidos expositivos. Para tal fin, o festival encargoulle a cada un dos autores e autoras que contan con exposición nas sedes oficiais de Viñetas unha historieta orixinal e autoconclusiva que partise dalgunha das súas obras publicadas e presentes na súa mostra. O resultado deste renovado catálogo-revista está nas mans do público a través da páxina web oficial do festival:

https://vinetasdesdeoatlantico.com/wp-content/uploads/2024/08/publicacion-oficial-vinetas_desde_o_atlantico_2024.pdf

Viñetas, 27 anos dunha cita de referencia

Viñetas desde o Atlántico é o festival internacional da banda deseñada da cidade da Coruña. Organizado polo Concello da Coruña, cada mes de agosto reúne unha coidada selección de exposicións, artistas invitados, charlas, talleres, visitas guiadas, firmas e actividades paralelas, e unha feira cos expositores profesionais máis relevantes do sector, que converten A Coruña nun fervedoiro de creatividade e nun punto de encontro para amantes da banda deseñada en todas as súas acepcións e singularidades.

Con máis dun cuarto de século ás súas costas, Viñetas desde o Atlántico é unha cita de referencia a nivel internacional para o público e os profesionais, que este 2024 celebrou a súa 27ª edición do 12 ao 18 de agosto baixo a dirección do autor coruñés Manel Cráneo. Co empeño de ofrecer unha visión o máis ampla posible do mundo da banda deseñada galega, nacional e internacional, Viñetas desde o Atlántico regresou á Coruña como un proxecto de cidade, arroupado polo sector profesional e cunha vocación de apertura a novas linguaxes, referentes e miradas. Porque A Coruña é, sen lugar a dúbidas, unha cidade de cómic.

Como novidade, o programa de Viñetas desde o Atlántico 2024 presentou unha nova estrutura, en torno a seccións especializadas orientadas aos seus diferentes públicos: Viñetas Expo, Viñetas Show, Viñetas Rúa BD, Viñetas Mini, Viñetas Ñam!, Viñetas Pro, Viñetas Inclusivas e Viñetas na Escola. As temáticas sociais, a internacionalización e a aposta pola banda deseñada independente e experimental foron as claves de Viñetas Expo, que dedicou exposicións monográficas a Genie Espinosa, Lucas Varela, Marcello Quintanilha, Kundo Krunch, Susanna Martín, Marc Torices, Yeyei Gómez e Jorge Campos, ademais de acoller as mostras das firmas gañadoras do Premio Castelao de Banda Deseñada 2023, Paula Mayor e Cristian F. Caruncho, e a mostra dos fanzines presentados ao I Premio Autobán ao Mellor Fanzine Galego, convocado este 2024.

Pola súa banda, ‘Toriyama en Galicia’ é o título da exposición colectiva que lle rende homenaxe ao autor de personaxes xa míticos do noso imaxinario como Son Goku ou Arale, da man dunha coidada selección de autoras e autores galegos como Paula Cheshire, José Domingo, Miguel Robledo ou Xulia Pisón, entre moitos outros, con ilustracións debuxadas especialmente para a mostra, ademais dunha escolma de páxinas do fanzine Onda Vital!! e outros obxectos e publicacións relacionados coa obra de Akira Toriyama.

Por primeira vez, un personaxe de cómic dun autor galego -Gaspariño de Xaquín Marín- sumouse á colección de figuras que visten a cidade da Coruña durante a celebración do Viñetas; unha colección que neste 2024 recuperou, tamén, a figura de Groucho, de Ventura & Nieto, tras o pasamento de Enrique Ventura, un dos grandes clásicos da revista El Jueves. Como outro dos fitos destacados, cabe mencionar que Fermin Muguruza presentou, no marco de Viñetas Show, no Teatro Colón, o seu filme Black is Beltza II: Ainhoa, secuela do éxito Black is Beltza, primeira incursión do artista no cinema de animación, que se presenta de novo acompañada da versión en banda deseñada da historia, debuxada por Susanna Martín.

Comparte éste artículo
Escribe tu comentario