O Concello colabora na organización do evento, que terá lugar nas instalacións do Sporting Club Casino, na Zapateira. Clubs galegos, rioxanos e andaluces disputarán o título ata este domingo.
Uns 120 deportistas participarán esta semana na XIII edición do Torneo de Waterpolo Cidade da Coruña, unha cita que terá lugar desde mañá e ata este domingo 25 nas instalacións do Sporting Club Casino, na Zapateira, coa colaboración do Concello.
Sete equipos disputarán o torneo, con 45 partidos previstos durante cinco días. A maior parte dos clubs son galegos, da Coruña, Ferrol, Lugo e Vigo. Á loita polo título sumaranse outros dous, procedentes de Cádiz e a localidade rioxana de Villamediana de Iregua. Os encontros terán lugar sempre en horario matinal, de 10.00 a 14.00 horas.
Ademais, a programación deportiva do torneo combinarase con actividades culturais e de ocio para os clubs que participan nesta cita. A este respecto, o Goberno de Inés Rey facilitou que tanto os deportistas coma as súas familias poidan visitar ao longo destes días puntos coma os Museos Científicos Coruñeses e o Castelo de San Antón, así como outros lugares de interese na cidade.