Arias reuniuse cos veciños do Castelo para aportar solucións ás demandas de seguridade viaria na LU-530

por 21 Noticias

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o xefe do Servizo de Estradas, Gerardo Pallares, recibiron esta mañá a unha representación das dúas asociacións de veciños de Castelo para transmitirlles o ánimo de colaboración do Goberno autonómico e aportar solucións ante as súas demandas relativas aos problemas de seguridade da estrada LU-530 ao seu paso por este núcleo nas proximidades da cidade que ten aumentado considerablemente a súa poboación nos últimos anos, o que fai que o vial esté a funcionar máis como unha vía urbana que como unha estrada convencional.

Javier Arias trasladoulles que esta vía se rexe pola normativa de estradas de Galicia, que impón determinados condicionantes para os viais cun volume elevado de tráfico, como é o caso, xa que a súa intensidade media diaria de vehículos ronda os 10.300.

Nese senso, explicoulles que a propia normativa impide levar a cabo actuacións como instalar bandas redutoras de velocidade ou pasos de peóns, alomenos mentras se manteña o número de vehículos do vial, algo que se podería reducir coa futura construción da Rolda Leste. Ao que sí se comprometeu Arias é a ampliar o tramo de redución de velocidade a 50 km/h, tal como plantexaban os veciños, ata a altura da intersección coa LU-P-2927, unha medida da que se beneficiaría boa parte do barrio.

Como solución ás demandas veciñais, os representantes da Xunta manifestaron a disposición do goberno autonómico de transferir ao Concello de Lugo ese tramo, sempre en perfecto estado, para que a administración municipal decida as actuacións a executar, xa con tratamento de tramo urbano e fóra das limitacións que son de obrigatorio cumprimento para unha vía interurbana.

Na reunión lembrouse que este mesmo procedemento xa se realizou no primeiro quilómetro da mesma estrada LU-530, posibilitando a mellora da mobilidade na zona coa construción da rotonda de San Eufrasio, ou máis recentemente -no caso da rede estatal- nun treito do N-VI na contorna do río Miño.

O ánimo de colaboración da Xunta na mellora tanto da mobilidade como da seguridade viaria da LU-530 vén xa quedando patente con actuacións como a instalación dunha marquesiña e a adecuación dun espazo para permitir a manobra dos autobuses.

Etiquetas
Comparte éste artículo
Escribe tu comentario