Ás 00’10 horas do mércores, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realizaba patrulla preventiva pola Praza de Bretaña, os axentes foron requiridos por un home que manifestou que, instantes antes, a súa filla recibira unha mensaxe ao teléfono móbil, procedente doutro dos seus fillos, no que lle dicía que estaba cuns amigos, nun miradoiro próximo ao Club Fluvial, e estaban a ser atracados por outras tres persoas. Que a partir dese momento, a pesar de que tentou poñerse en contacto co seu fillo, non lle foi posible xa que o teléfono móbil non daba sinal.
Ao lugar trasládanse dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno e outro máis da Unidade de Atestados. Unha das patrullas atópase co mozo que enviara a mensaxe á súa irmá, informando os axentes de que fora unha falsa alarma, que todo fora unha broma. Nese mesmo momento, as outras dúas patrullas, que realizaban unha procura por un circuíto deportivo próximo, localizan a outro mozo, tendido no chan e coas pernas ensanguentadas, o cal estaba a ser atendido pola empregada dun establecemento próximo.
Este mozo indica aos axentes que fora vítima dunha broma pesada duns amigos, quedando máis mozos no interior do circuíto, sen luz e desconcertados, polo que os axentes procederon á súa localización, axudándolles a saír do lugar con axuda das lanternas policiais, comprobando que presentaban algunha erosión, causada ao tentar escapar da presunta agresión na zona de matogueira.
Finalmente, os axentes reuniron a todos os implicados e procederon á súa identificación, concluíndo que todos eran coñecidos entre si e que, a tres deles, ocorréuselles gastar unha broma aos demais aparecendo por sorpresa e encapuchados. Foron requiridos servizos sanitarios para atender a algún dos lesionados.
Con independencia de informar aos implicados do dereito para presentar denuncia polos feitos ocorridos e o procedemento para formalizala, os axentes levantaron acta sobre o acontecido, que, por parte dos tres organizadores da broma, podería constituír unha infracción grave á Lei de Protección da Seguridade Cidadá, castigada cunha sanción entre 601 e 30.000 euros.